A Asociación Cultural O Colado do Vento reinicia a súa actividade despois da parálise da pandemia coa presentación da Unidade Didáctica “Coñece o teu Concello”. O traballo editouse no 2020 co obxectivo de que nenos e nenas coñezan a historia das parroquias, con fotografías, mapas e comentarios sobre Historia, a toda cor.
Trátase dunha reedición dun exercicio de Maxisterio do ano 1995, elaborado e levado a cabo por Alfonso Campos Pérez no centro educativo Virxe do Carme. Un cuarto de século despois, considerando que o material ten moito valor como recurso docente, permitindo a interacción da comunidade educativa co seu entorno, incidindo en valores fundamentais como o ecoloxismo, a identificación co patrimonio cultural e o respecto pola diversidade.
Este material será usado tamén no campamento de verán do Concello de Sober. Cada persoa socia do Colado do Vento terá un destes libros de xeito gratuíto como detalle ás persoas socias, logo de non poder levar adiante actividades o pasado ano. En caso de querer máis libros, a contribución será de 5 €. A contribución que se pedirá para persoas non socias será 10 €.