O venres 18 o Concello de Castro Caldelas quere rachar cos estereotipos de xénero cunha actividade que axude ao empoderamento das mulleres.
A actividade, “Somos mulleres do rural e imos deixar o noso selo. Coñecéndonos e retratándonos”, empezará ás 18:30 no Castelo e consistirá nunha pequena homenaxe fotográfica que lle renderá cada asistente a unha muller da súa familia.
Segundo conta a alcaldesa, Sara Inés Vega, “coa bata da típica muller galega, e sobre todo labrega, e utensilios de uso común realizarase un conxunto de fotografías que formarán un mural onde se reivindicará a igualdade e o papel relevante do feminismo e a educación non sexista”.
Todas e todos as/os participantes recibirán de agasallo unha máscara do Irrio Peliqueiro cun detalle simbólico, as mans que suxeitan a máscara deste persoeiro tan representativo do pobo Caldelao son femininas.
FESTA DO NENO
Xa o sábado, 19 de xuño, de 16:00 a 20:00 h na Praza do Prado os nenos e nenas realizarán diversos talleres con temáticas de igualdade. Poderán asistir ao espectáculo familiar de maxia e humor do Mago Deimi, de circuitos de KARTS, inchables, obradoiros de igualdade, manualidades, xogos deportivos, xogos tradicionais, etc. Todo de balde e con protocolos Covid-19.
