Sarria inaugura o verán a golpe de música para gozar das sempre esperadas Festas de San Xoán. En palabras do seu alcalde, Claudio Garrido, “imos celebrar as festas de San Xoán non como nos gustaría, pero si como podemos e debemos: sen medo pero con precaución”.
Pendentes de volver ao formato de festas pre-pandemia, o equipo de goberno decidiu seguir a fórmula que xa funcionara o pasado ano e deseñou un programa no que as rúas de Sarria encheranse de música. Do mércores 23 ao domingo 27 haberá opción de gozar dela ao longo do día e en diferentes localizacións da vila.
Claudio Garrido, “imos celebrar as festas de San Xoán non como nos gustaría, pero si como podemos e debemos: sen medo pero con precaución”
Combinarase a música de pasarrúas coa música de escenario, co cal moitos serán os grupos e moitas as formacións que terán a misión de crear un ambiente festivo e acabar de espantar a pandemia de cara ao verán e camiño da normalidade.
Nos pasarrúas participarán, entre outras, formacións de música tradicional locais como A.C. Meigas e Trasgos, A.C. Peleiriños, Airiños da Freba; e tamén outras coñecidas da casa: Banda de Música de Sarria e Charanga Louband.
No apartado de concertos salientar a presenza de, entre outros, “Malditos Roedores” e “Taninos Maduros”–grupos tamén locais–, ou “Por Mi Swing”, “Man de Santo”, “Carta de Ajuste”, “Sound Sisters”, “Saint Johns Swing Band”, “Mustélidos” ou “Eloi Caldeiro e teloneiros”.
Como complemento a este amplo programa musical o venres 25 haberá dobre sesión de maxia a cargo do mago local, Roberto Lolo. Serán dous pases do seu espectáculo ”Mira el Coyote” ás 17:30 e ás 20:30 h. na Casa da Cultura. E xa o sábado 26 o comezo oficial do Sarria Sorrí, ciclo de humor que tan ben funcionou o pasado ano. Nesta ocasión, abrirá o mesmo o humorista Miguel Lago ás 21:30 h. na terraza do Meigallo –previa reserva–.
Lembrar que os días 25, 26 e 27, a Asociación de afeccionados ao Bonsai El Serbal realiza exposicións e obradoiros para a xente interesada, e que as tradicionais “Pampónigas” desfilarán o mércores 23 ás 19:30 h. e o domingo 27 ás 19:15 h.
O programa completo e ao detalle pódese descargar na web co Concello de Sarria.
RIPIOS SANXOANEIROS
Do programa de festas deste ano reproducimos aquí uns moi actuais e retranqueiros.
“Velaí van estes ripios
aínda que non haxa Festas,
máis non é por culpa da pandemia
se non pola suba das eléctricas
pois non hai cartos no Concello
cos que pagar a luz da orquestra.
Din que Claudio fará un peto
como o do Alcalde de Vigo,
que xa está aforrando cartos
para as luces do Nadal 25, pobriño!
Escoitade sanxoaneiros:
cecáis quedemos sen orquestra,
pero teremos rebumbio de verbena
pois seica sacarán un Bando
de obrigado cumprimento,
que mandará acender as lavadoras
pola noite e ao mesmo tempo,
xa que con todas centrifugando
haberá para todos e de balde
moito balbordo e movemento.
O mesmo Bando aconsella
con refinada malicia
asar de madrugada o cabrito
para que cando veñan as contribucións,
Deus nos colla confesados
e coa carteira chea de cartos.
Hai que ver canto miran por nós!
Remataron estes ripios, acabouse o blablablá
Boas Festas Sanxoaneiros, vémonos por fin no bar.