A “Plataforma Eiquí Eolicos Non” fixo unha chamada á poboación para asinar alegacións contra os Parques Eólicos de Barxas e Busmaior e a resposta foi abrumadora con especial participación da veciñanza de Quiroga, Folgoso, A Rúa, Valdeorras, Redondela ou Compostela. “Eiquí Eólicos Non” agradece a todas as persoas que participaron nesta campaña de sensibilización e recollida de alegacións, exemplo dunha cidadania comprometida coa defensa do rural.
Por outro lado a Plataforma puxo a disposición, através das redes sociais, as alegacións contra a autorización da instalación do parques eólico de Barxas polo que, sumando ás alegacións presentadas de xeito individual, o número de alegacións aínda é superior. O Parque Eólico de Barxas -que afectaría ós concellos de Barxas, Oencia, Trabadelo e Veiga de Valcarce (León), O Barco de Valdeorras, Petín e Vilamartín de Valdeorras, Larouco, Pobra de Trives e San Xoán de Río (Ourense), e Folgoso do Courel e Quiroga (Lugo)- pretende instalar 22 aeroxeradores de 121 MW así como unha infraestrutura de evacuación de 53 km.
Que recollen as alegacións contrarias ás instalacións industriais eólicas?
- Que as instalacións terán danos irreversibles no patrimonio paisaxístico e cultural das zonas nas que se sitúa, e incidirá nunha das áreas de desenvolvemento económico importante para a súa poboación, o turismo.
- Que se producirán danos e prexuízos irreparables na Rede Natura 2000 e, polo tanto, en diferentes Zonas de Especial Conservación.
- Que a instalación dos aeroxeneradores, así como a infraestrutura de evacuación tamén suporá un impacto para a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, considerada como unha área de gran valor ambiental, e da futura reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel.
- Que o proxecto carece dunha avaliación do impacto socioeconómico que causará sobre as explotacións forestais e madereiras da área afectada, e sobre as explotacións de cultivo de viñedos e soutos nos territorios afectados.
Eiquí Eolicos Non
A “Plataforma Eiquí Eolicos Non” intégrana colectivos como a Asociación A Volta Grande do Courel, Asociación a Fonte do Milagro, Asociación Veciñal e Cultural de Vieiros, Pía Paxaro, Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel, Comunidade de Montes de Órreos, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Colectivo Arte Lixo, Asociacion de Indignados de Xestoso ante os abusos medioambientais, Outonía S.Coop, Plataforma vecinal Rural Sostenible e Cuidemos a Terra-, fixo unha chamada á poboación para asinar alegacións contra os Parques Eólicos de Barxas e Busmaior e a resposta foi abrumadora con especial participación de veciñanza de Quiroga, Folgoso, a Rua, Valdeorras, Redondela ou Compostela.
O obxectivo da Plataforma é visibilizar a oposición cidadá á instalación da industria eólica en territorios sensibles, que se verían afectados de forma irreversíble pola implantación de muíños de 200 metros de altura e unhas liñas de evacuación eléctrica que atravesarían soutos e viñedos, entre outros tipos de solos afectados, como lugares habitados.
Nas súas redes sociais, como a páxina de facebook Courel Livre de Eólicos, acompaña a recollida de alegacións con outras actividades de información e sensibilización. A Plataforma informa de que a indignación crece a medida que a poboación recibe información de como afectarían os muíños e as redes de alta tensión ós territorios afectados. Continúa aberto ata o 6 de agosto, o prazo para alegar contra o Parque Eólico de Busmaior.Enlace á alegación: https://url.gratis/RL0edI