O obxectivo prinncipal da actividade é planificar as plantacións de castiñeiros en función das zonas e do destino final do produto, ademais de complementar a formación dos produtores de castaña sobre as novidades de investigación, os tratamentos das árbores, as tendencias técnicas do mercado, entre outros aspectos.
O programa terá un apartado sobre a planificación, onde se abordarán as variedades priorizadas de castiñeiros para froito, os principais polinizadores, as condicións óptimas do solo, a orientación das plantacións e os indicadores de vexetación. No tocante ao apartado de repoboación, analizaranse as mellores técnicas de roza, preparación do terreo e replanteo. Na parte de plantación, trataranse aspectos como os portaenxertos e daranse consellos para o correcto cultivo destas árbores. Por último, tamén se abordarán outras recomendacións como o tipo de rego ou fertilizantes a usar neste tipo de plantacións.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
A Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.