Neste mes o concello de Monforte destina unha partida inicial de 20.000 euros para este fin, que foi ampliada ata os 24.000 euros, para contribuír a axudar ás familias monfortinas ante os efectos derivados da crise do Coronavirus. “Atendendo así desde o concello todas as solicitudes presentadas, que aumentaron respecto do ano pasado, e non deixando atrás a ningunha familia que o necesite,” sinala o alcalde.
As axudas teñen como finalidade apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar os gastos que supoñen a adquisición de material escolar e libros, ante o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro, dificultades que, en moitos casos, vense agravadas pola incidencia da crise da Covid-19.
Estas axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario están destinadas ó alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2021/2022 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
Os vales axuda serán entregados a partir do 1 de setembro na Oficina de Servizos Sociais do Concello, e a data de caducidade dos vales será ata o 9 de outubro de 2021.
Unha vez recollidos os vales, as familias poderán presentar os mesmos para adquisición do material en calquera librería do municipio de Monforte.
O importe destas bolsas vai dende os 75 euros ata os 390 euros, dependendo do número de fillos/as por familia e do curso que estuden.