O primeiro dos talleres realizarase en horario de mañá (entre as 10:00 e as 14:00 horas) e tratará sobre a determinación de textura e pH do solo de labor. Mediante este obradoiro preténdese que o alumno sexa quen de coñecer e interpretar as características básicas do solo, co fin de optimizar ou enfocar adecuadamente os traballos profesionais desenvolvidos sobre eles. Ten especial importancia para coñecer a solubilidade dos nutrintes e que poidan estar dispoñibles para o cultivo.
O segundo obradoiro desenvolverase pola tarde, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Tratará arredor da determinación da erosión, escorrenta e lixiviación en solos labrados. O seu obxectivo é representar diferentes solos agrícolas e simular o seu comportamento ante as precipitacións en función de aspectos como a textura do solo, a presencia ou ausencia de cobertura vexetal e a inclinación do terreo. Tamén se pretende exemplificar os procesos de lixiviación de contaminantes a través de diferentes perfís de solo, facendo simulacións de solos de diversas texturas e horizontes.
Ambas accións formativas están dirixidas a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.
Inscrición nos obradoiros
Todos os interesados poderán inscribirse nestes obradoiros cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse ao correo electrónico ceca.monforte@edu.xunta.gal ou maria.lourdes.diaz.fernandez@edu.xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 982 889 103 para máis información.
Os interesados poden consultar todas as accións formativas e de transferencia organizadas pola Consellería do Medio Rural neste ano 2021 no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.