O secretario xeral de emigración Antonio Rodríguez Miranda estivo este mércores en Sober. Acompañado polo alcalde, Luis Fernández Guitián, visitou en Doade a un grupo de 100 personas que participan no programa ‘Conecta co Xacobeo’.
Os galegos do exterior que participan no programa ‘Conecta co Xacobeo’ mantiveron unha xornada de lecer e convivencia antes de retomar mañá as tres últimas etapas que os levarán ata Santiago de Compostela. Tras comer en Sober, tamén puideron comprobar como se vendima nesta comarca.
Mañá retomarán o camiño dende Caldas de Reis os que están a facer o Camiño Portugués e dende Bendoiro en Lalín os que realizan a Vía da Prata. Os participantes son persoas vinculadas aos centros galegos de España e de Europa que están a realizar, dende o pasado domingo, ambos camiños dentro do programa “Conecta co Xacobeo” que organiza a Secretaría Xeral da Emigración. Trátase da primeira iniciativa deste tipo posta en marcha dende a pandemia e o seu obxectivo é dar un pulo ás entidades e centros galegos, así como aos seus asociados, que sufriron numerosos peches e limitacións a causa da pandemia durante os últimos meses e que son promotores do Camiño de Santiago en todos os lugares onde teñen a súa sede.