‘A igualdade no ámbito xurídico’, tema das XIV Xornadas Xurídicas de Sarria

Os vindeiros 1 e 2 de outubro celébranse na Casa da Cultura de Sarria as ‘Xornadas Xurídicas Román García Varela’. As conferencias e táboas redondas poderanse seguir por streaming a través da canle de youtube da Deputación de Lugo.

Casa da Cultura de Sarria / XdL

Nesta catorce edición, das sempre interesantes xornadas xurídicas que organiza o Concello de Sarria en colaboración coa Deputación de Lugo, Xunta de Galicia, Foro Xurídico de Sarria e UNED, abordarase o seguinte tema: “A igualdade de xénero no ámbito xurídico”.

As xornadas realizaranse en sesión de mañá e tarde o venres 1 de outubro, e en sesión de mañá o sábado día 2. Ao longo das diferentes sesións tratarase o tema da igualdade no eido xurídico con táboas redondas nas que haberá ponencias tan interesantes como, por exemplo, “A agravante de discriminación por razón de xénero. O seu tratamento na xurisprudencia”, “O tratamento da víctima na violencia de xénero”, “A publicidade discriminatoria da muller” ou “A igualdade da muller no ámbito laboral”.

Tanto os directores, Román García-Varela Iglesias e Carlos Lema Devesa, como o organizador, o  Concello de Sarria,  personificado no alcalde, Claudio Garrido Martínez,  tiñan a esperanza de que a situación sanitaria permitise recuperar a normalidade en canto ao aforo.  Lamentablemente non foi así, e as restricións impedirán que poidan asistir todas e todos aqueles que se amosaron interese na asistencia presencial ás conferencias e táboas redondas previstas.

Con todo, buscouse unha solución que puidese facer accesibles as xornadas a canta maior xente fose posible. Deste xeito, a fundación TIC, do Servizo de Audiovisuais da Deputación Provincial de Lugo, retransmitirá as sesións na canle de Yotube da Deputación de Lugo, de tal forma que todo aquel que o desexe poderá seguilas en directo.

Estas son as ligazóns para seguir a retransmisión en directo das xornadas:

Xornada de venres mañá

Xornada de venres tarde

Xornada de sábado mañá

Xuristas de recoñecido prestixio de todo o ámbito nacional e galego, que estarán presentes: Juan José González Rivas, Presidente do Tribunal Constitucional; José Ramón Navarro Miranda (Presidente da Audiencia Nacional); Ana María Ferrer García (Maxistrada do Tribunal Supremo); José Antonio Seijas Quintana (Maxistrado xubilado do Tribunal Supremo); Sergio  Orduña Alonso (Maxistrado do Xulgado de Instrución  N.º 3 de Lugo; Clara Martínez  Careaga (Maxistrada do Tribunal Supremo e Vogal do  CGPJ e Presidenta da Comisión de Igualdade do  CGP; Carlos Lema Devesa  (Catedrático de Dereito Mercantil); Carmen Roda  Castañón (Funcionaria do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos das Nacións Unidas en Xenebra); Santiago Miguel Cruces (Fiscal delegado de Discapacidade de Galicia); Fernando Ledesma  Bartret (Conselleiro de Estado); Ignacio  Picatoste  Sueiras (Presidente da Audiencia Provincial da Coruña); María Encarnación Roca  Trías (Vicepresidenta do Tribunal Constitucional e Catedrática de Dereito Civil); María Emilia Casas Baamonde ( Expresidenta do Tribunal Constitucional e Catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade social e Juan Carlos Campo Moreno ( Exministro de Xustiza e Maxistrado da Sala do Penal da Audiencia Nacional).

Pódese acceder e descargar o programa ao detalle na web do Concello de Sarria.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here