A institución provincial está executando na estrada provincial LU-P-5903, que conecta Sober e Doade un investimento de 100.000€ para renovar o treito comprendido entre os puntos quilométricos 13 e 13,740, e aos que dará continuidade con novas obras que vén de adxudicar por outros case 120.000€ para actuar no seguinte quilómetro. Polo tanto, o investimento total da Deputación nesta estrada alcanza os 220.000€, entre o proxecto que está en marcha e o recén adxudicado.
Con respecto ao proxecto que se está acometendo, este luns desenvolvéronse os labores de aglomerado en quente, logo de que xa quedaran rematados os traballos de ampliación da plataforma ata conseguir unha anchura de 5,5 metros e se fixeran as tarefas de drenaxe necesarias. Agora renovarase a sinalización horizontal co fin de reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios e usuarias. A previsión é que quede rematada nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.
José Tomé subliñou que “non só beneficiamos con esta actuación a centos de veciños e veciñas de Sober, senón tamén a numerosos visitantes que empregan esta estrada para coñecer a comarca da Ribeira Sacra, os miradoiros e as adegas”.