Iniciosociedade“O meu traballo é o meu ocio”, Carmen Díaz, creadora de ‘Escapalandia.com’

“O meu traballo é o meu ocio”, Carmen Díaz, creadora de ‘Escapalandia.com’

Apaixonada das viaxes, esta emprendedora creou unha web de experiencias a raíz de buscar lugares onde puidera ir cos seus fillos. “Decidín crear a páxina na plataforma Blogger e contar cada fin de semana en que lugar estiveramos, para animar a outras familias a coñecelo”, conta Carmen.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Carmen Díaz Delia é unha coruñesa orixinaria de Marce, concretamente de Vilar de Ortelle, lugar onde naceron a súa nai, a súa avoa, a bisavoa e a tataravoa.

Segredos de Pantón contactou con ela para coñecer como naceu e como medrou o seu proxecto Escapalandia. Lugares para ir con niños.

Para dar comezo a entrevista gustaríanos saber como se iniciou no mundo dos blogs e por que se especializou no de viaxar con nenos, cóntenos.

Traballo en comunicación empresarial e sempre fun unha apaixonada de escribir, así que primeiro facíao en libretas, ou enviando cartas a xornais e revistas, e dende mediados da primeira década do 2000, xa tiña un blog persoal e publicaba cousas nas redes sociais. Escapalandia naceu en 2012, cando os meus fillos tiñan 2 e 4 anos. Buscaba entornos para levalos a correr fóra da cidade e non atopaba moita información. Así que decidín crear a páxina na plataforma Blogger e contar cada fin de semana en que lugar estiveramos, para animar a outras familias a coñecelo. Rutas, museos, aldeas ou parques infantís, logo o proxecto foi crecendo, en 2017 migramos ao sitio a WordPress e profesionalizámolo, ao tempo que entramos a formar parte de asociacións de blogueiros para compartir experiencias. Agora chámannos de diferentes sitios para dalos a coñecer, pero foron dez anos de moitísimo traballo, aprendendo cuestións técnicas e pateando por Galicia adiante coa cámara e cos cativos. Actualmente estou completando a formación regrada que xa tiña cun ciclo superior de guía turística. Realmente, non teño conciencia de deixar nunca de estudar ou buscar aprendizaxes.

Ao mellor é unha pregunta indiscreta pero de facer reseñas de lugares e de viaxes pódese vivir? Ten algún tipo de patrocinadores ou convenios con empresas?

Pódese vivir dun negocio dixital, é o bo que ten entre outras cousas, pero non é unha vía rápida para acadar diñeiro, é máis ben un xeito de vida que se vai construíndo e, se perseveras, acaba funcionando, malia que moitos proxectos quedan polo camiño. Se che gusta viaxar, coñecer diferentes lugares, escribir e tes un mínimo de coñecemento técnico e moita capacidade de traballo, pódese. Ás veces facemos intercambios de artigos por aloxamento, se é un lugar que nos interesa coñecer, outras veces participamos en campañas ou blogtrips, viaxes de blogueiros, para dar a coñecer unha determinada zona. Temos publicidade ou post patrocinados, e tamén falamos de moitos sitios desinteresadamente, porque nos gustan. O que si é verdade é que leva moitísimas horas de traballo, eu non teño ocio, o meu traballo é o meu ocio, non me veredes vendo a tele ou pasando o tempo, estou sempre no ordenador ou co móbil.

“O que si é verdade é que leva moitísimas horas de traballo, eu non teño ocio, o meu traballo é o meu ocio”

Escoller ou atopar novos destinos é complicado? Como fai para organizarse?

O nervio lévalo por dentro, eu son curiosa por natureza e non o busco, simplemente é que me interesa atopar información de lugares. Traballo cun mapa diante e ás veces miro cara onde imos a fin de semana, ou penso que zonas quedan por coñecer, pero sempre ando enfrascada en algo. Máis lonxe ou máis preto, pero investigando moitos lugares e, cando podo, vou. Normalmente viaxamos as fins de semana ou en vacacións, levamos programas moi apertados para ver diferentes sitios, e de volta imos escribindo todo e programando publicacións. Teño moitas cousas sen contar, non creo que me chegaran dúas vidas para facelo.

Na Costa da Morte. Blogtrip

Na Galicia interior a oferta para viaxar coas cativas/os é máis ben limitada ou polo contrario sorprenderiámonos da oferta que hai?

Non é para nada limitada, Galicia é un auténtico parque temático e non sabemos ben o que temos. Se saímos dos centros comerciais e miramos cara o rural temos un mundo de posibilidades. O Courel, Costa da Morte, A Terra Chá, O Xurés, os museos… Un senfín de opcións. O que pasa é que hai que ter gusto por coñecer o noso, e mostrarllo aos fillos, descubrilo con eles. Temos un patrimonio natural, cultural, etnográfico, histórico ou artístico apaixonante, e non se perderá se llo amosamos aos pequenos. E hai moitísimas áreas recreativas ou parques de xogos que están baleiros case que todo o ano agás algúns días de agosto.

“Hai que ter gusto por coñecer o noso, e mostrarllo aos fillos, descubrilo con eles”

Na nosa contorna do sur de Lugo que lugar recomendaría para ir cos máis pequenos da casa?

O sur de Lugo é unha zona moi querida e tamén a coñezo ben, porque en Vilar de Ortelle naceron miña nai, avoa, bisavoa e tataravoa, ata onde alcanzo a saber. Lugares como Cadeiras, para pasar o día e con miradoiros ao Sil, San Clodio de Ribas de Sil, para correr e xogar a carón do río, a desembocadura do río Asma e o entorno de Belesar, o Ecomuseo de Arxeriz, a praia da Cova, Augacaída, o parque da feira do Castro de Ferreira, a área recreativa da Pobra do Brollón, as diferentes aldeas do Courel, Portomarín ou Paradela e o río Loio, Monforte e o seu entorno, poderíamos citar miles e aínda nos quedarían recunchos.

En Marce. Foto de Carmen Díaz

Para rematar gustaríanos saber dende os ollos de ‘Escapalandia’, que puntos deberían de modificarse para que o destino turístico “Ribeira Sacra” fose aínda mellor en termos xerais.

Se entendemos como mellorar acadar un turismo de calidade e sostible, non masivo senón bo, o tema sería facer unha revisión das infraestruturas (aloxamentos ou restaurantes, museos, servizos turísticos, etc.) e traballar en común. Mellorar a sinalización, atendendo a Google e redes sociais que son as que traen a moita xente, as vías de comunicación por estrada, poñendo aparcadoiros ou regulación de acceso para os momentos de máxima ocupación, ordenando un pouco o tráfico, e sobre todo aproveitando os meses de baixa ocupación para formarnos, traballar, organizar, etc.

“Se entendemos como mellorar acadar un turismo de calidade e sostible, non masivo senón bo, o tema sería facer unha revisión das infraestruturas e traballar en común”

Promovendo tamén este destino fóra de tempada, para combater a estacionalidade e facelo máis sostible. O importante tamén é acadar que a xente non vexa a Ribeira Sacra como unha excursión dun día e cheguen autobuses que enchan todo e marchen de noite, senón coma un destino ao que vir varios días e varias veces ao ano. O Camiño de Inverno tamén é unha oportunidade, especialmente nestes meses.

ÚLTIMAS

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...

O IES Río Cabe no centro da cultura financieira

Durante a xornada contouse coa visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa,...