Doc Magoo’s, como quen non quere a cousa, ten xa 20 anos. Dúas décadas de Rock and Roll cociñado en Monforte con xente do común e músicos feitos a si mesmos. Unha banda que toca ben, resultona e seguramente pouco valorada en comparación con outras do seu estilo e nivel que se coñezan en Galicia.
A banda empezou a fraguarse cara o 2001 con dous músicos que viñan do mítico grupo Yellow Pixoliñas, Franki e Piérrez, e outros integrantes da banda Claxon Blues, Xabier e Mani. Despois de barallar varios nomes, chegaron ao xa coñecido dende aquela, “Doc Magoo’s”. Un nome que vén, seica, pola cafetería da serie americana Urxencias.
Non son un grupo de xiras, nin se prodigan moito en actuacións, máis se cabe se estas son a nivel de Galicia ou na contorna da comunidade, porque non viven disto. De feito, nunca lles pasou pola cabeza profesionalizarse. A súa paixón polo rock é un complemento ‘necesario’ nas súas vidas pero non o seu medio de vida. E algo moi importante, coa desculpa dos concertos poden coincidir arredor dunha mesa e no escenario.
A súa paixón polo rock é un complemento ‘necesario’ nas súas vidas pero non o seu medio de vida
Dende o seu nacemento pasaron varios músicos pola formación, sendo os compoñentes de Doc Magoo’s na actualidade: Javier ‘Franki’, á guitarra; Miguel Luaña, na armónica; José Luis ‘Pistón’, á batería, Piérrez aos teclados; Marcos ‘Napo’, no baixo; e Izzy Casta como vocalista. Todos da comarca de Lemos, “aínda que o rubio ‘Luaña’ semelle un vikingo noruego”, di con retranca Piérrez. Falo con eles.
Como e cando naceu a banda?
A banda naceu cara o 2001, cando parte dos míticos Yellow Pixoliñas (extintos) e parte de Claxon Blues (extintos tamén) decidiron crear Doc Magoo’s para non perder nin o contacto nin a posibilidade de cear xuntos. A desculpa? O rock and roll.
Nunca se vos pasou pola cabeza profesionalizarvos?
Musicalmente xamais, en canto ao churrascoandroll poucas bandas están ao noso nivel.
Gústame o concepto.
Pois éche do Thierry.
“… en canto ao churrascoandroll poucas bandas están ao noso nivel”
Ademais do rock, incluídes outros estilos no voso repertorio?
A verdade é que só facemos rock no máis amplo sentido da palabra, se ben e certo que dentro deste estilo tocamos todos os clásicos.
Que grupos tedes como referente, se hai que dicir algúns?
Moitos, todos os clásicos dos 60/70 tanto anglosaxóns como americanos, pero musicalmente cada un somos moi eclécticos.
“O importante é a complicidade co público e mais coas salas que apostan pola música en directo”
Os vosos concertos son sempre esperados nas Terras de Lemos polo ambiente que se crea. O ben que o pasades transmítese, verdade?
Isto é parte do xogo de ter un grupo, os ensaios, os bolos, o noso público… se non o pasamos ben todos isto carece de sentido. Temos xa canas e algún nin iso… O importante é a complicidade co público e mais coas salas que apostan pola música en directo.
Ademais, as actuacións son para vós tamén unha oportunidade para reunirvos e ‘rillar no churrasco’…
O momento da cea é moi importante, ese momento no que as bromas, as anécdotas, o compañeirismo faise moi palpable. Para nós é imprescindible.
Foto: Gelín Fernández.
Este sábado actuades no Bar do Club Fluvial. Por que non podemos perder o concerto?
Porque sempre damos o mellor de nós. Ademais, no club céase moi ben, o menú deste sábado é cojonudo e a un prezo incrible. E logo, de segundo postre, están os maguses RockAndRoleando a tope. Pode haber outros plans, pero mellores non.
CEA-CONCERTO
Este sábado, 4 de decembro, a banda actuará no Bar Club Fluvial de Monforte de Lemos. Ás 21:30 h. haberá unha cea ao prezo de 20 € por comensal, e a continuación, ás 23:00 h., comezará o concerto.
A xerencia do local recomenda facer reserva previa no teléfono 604 080 686 dado que o aforo é limitado.