IniciosociedadeQueda en coma antes da chegada do coronavirus e esperta en plena...

Queda en coma antes da chegada do coronavirus e esperta en plena pandemia

O 17 de febreiro do 2020, menos dun mes antes do confinamento pola Covid19, Carmen López Rodríguez, traballadora de Telefónica, natural de Paradela, ten un accidente que a fai caer polas escaleiras e darse un golpe na cabeza que a deixa en coma. Cando comeza a espertar e ter consciencia xa a Covid19 protagonizaba as nosas vidas e Carmen López ía “volvendo á vida” mentres España estaba confinada.

Publicado o

- Advertisement -

Carmen contoume a súa historia no verán do 2021 e impresionoume ese choque entre quedar en coma antes de que escoitaramos oír falar do coronavirus e pouco tempo despois espertar nun mundo onde o coronavirus era omnipresente. Finalmente foi neste mes de xaneiro que volvín falar con Carmen. Cando lle pregunto como lembra aquilo, a caída, o espertar, dime “Para min non foi durísimo porque non me enterei, pero para a miña familia foi do peor que viviron ata o momento.”

“Familiares de Carmen López Rodríguez, só están vostedes? Avísenos a todos que desta noite non sae”, dixéronlle á familia presente os médicos a noite do día que Carmen ingresou. Sobreviviu a esa primeira noite e ao día seguinte xa había esperanzas. Entubada foron pasando os días na UCI ata que se facía necesario facerlle unha traqueotomía, pero a tensión sanitaria que comezaba a haber co coronavirus, fixo que esa traqueotomía se pospuxese e, entre tanto un médico recomendou desentubala para ver se respiraba soa e así foi. “Despois de tusir comecei a respirar e comecei a espertar”, afirma Carmen polo que lle dín, non polo que ela recorda.

“Vía o Miño, que ía ver?”

No Juan Canalejo comezaba a haber moitos casos de Covid e desprazaron a Carmen a unha habitación en Oza que daba ao mar. Cando a chamaban por teléfono para preguntar como estaba e que vía dende a ventá da habitación; ela dicía que vía o Miño “Que ía ver?”, reflexiona Carmen, “Vía o Miño”.

“Menos a falar tiven que aprender a facer de todo, aprender a comer. Levaba case un mes sen comer e tiña tanta fame que ao comezo comía coas mans porque non recordaba como se comía. Nese tempo estiven tamén case un mes en cadeira de rodas porque non podía camiñar, ao comezo dixeron que ía quedar así”, lembra Carmen.

Carmen López en recuperación

“O 1 de maio cando cheguei a Oza todo eran máscaras, desinfeccións, estaba soa na habitación. Cheguei coa roupa totalmente limpa na miña maleta, quedáronse 3 días con ela para lavar e desinfectar, porque non podía ter nada na habitación.” En Oza, Carmen facía exercicios de memoria e para aprender a andar ben. “Os 4 primeiros días viñéronme buscar, pero despois podía ir soa se non chegaba ás escaleiras. Había un xardín enorme e eu quería saír a pasear e non me deixaban. Por que non me levarán fóra? A miña cabeza non o asumía. Non paraba de preguntar que fago aquí, non quero estar aquí, quérome ir para a casa. Despois do accidente non asumía que era unha pandemia mundial, que non se podía saír das casas, nin nada.”

Tamén en Oza comezaba a haber moito coronavirus e búscaselle a Carmen unha clínica de rehabilitación en Poio. Como transición envían a Carmen temporalmente á casa e cando ve que o restaurante de seu irmán estaba pechado, métese con el “por vago”. A pesar de que a Carmen lle tiñan explicado a situación de pandemia e as limitacións que supuñía, ela non se lembraba dun día para outro. É cando volve á casa e ve todo pechado e que ninguén pode saír das súas casas, que Carmen comeza a entender a situación real.

Van facer case dous anos do accidente de Carmen, agora entendo que a situación non foi como eu a imaxinara. Non é a historia da persoa que sofre un accidente antes do coronavirus e esperta en plena pandemia ante a súa sorpresa; é a historia dunha muller que a lesión cerebral do accidente lle fixo olvidar os meses antes da caída e que, polo momento, non ten memoria a curto prazo.

A volta ao traballo de Carmen non é o esperado

En decembro do 2020 Carmen pídelle a alta voluntaria á mutua. “Físicamente estaba ao 100%. Déronme xaneiro de vacacións e o día 2 de febreiro fun traballar despois do recoñecemento médico que fan periódicamente en Telefónica.”

Pero a volta ao traballo de Carmen non é o esperado. O mundo xa non é o mesmo e ela tampouco, “Atopeime con ter que traballar na casa e con que cambiaran todas as aplicacións. Os compañeros tiñan que ensinarme cada día desde a casa e ao día seguinte eu non me lembraba de nada. Apuntaba as cousas e non daba interpretado o que quería dicir. A finais de febreiro entendín que non podía. Non podía estar chamando aos compañeiros todos os días e sentirme unha inútil.”

Pouco despois Carmen volve a estar de baixa. En marzo do pasado ano fanlle por primeira vez unha resonancia cerebral e aparece un sangrado de 4 mm. Danlle a baixa primeiro por coronavirus como asintomática e despois segue de baixa polo resultado da resonancia.

Carmen López antes do accidente

Esa lesión no lado dereito do cerebro aféctalle á memoria recente, “Lémbrome de que falei contigo, pero non o que. Lémbrome do que estudabamos de carrerilla cando pequenos, pero do de agora non. A lo menos antes preguntaba as cousas 20 veces e agora vou mellorando.”

“Agora teño dous cumpreanos, pero non podo volver a empezar con algo todo novo”

En outubro do pasado ano déronlle a alta a Carmen para comezar a traballar a media xornada, “Levo 3 meses sen nada que facer e non cubro obxectivos, cambiáronme de sección e é algo descoñecido para min. Estou indo a neurólogos e estou loitando por isto, porque me costa moito máis do normal adaptarme a algo novo. Teño 48 anos e agora dous cumpreanos que celebrar, un deles o 17 de febreiro, pero agora non podo volver a empezar algo todo novo, non podo. É duro sentirse limitado e que non se vexa, sábeo un.”

Non houbo a “entrevista do shock” da persoa que esperta do coma e estamos confinados, foi a entrevista da difícil loita das persoas que padecen limitacións invisibles. Cando o dano non é físico, senon neurolóxico, as persoas enfróntase a incapacidade, medo e incomprensión. Esas secuelas poden ir remitindo, pero mentres tanto que?

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...