Máis de 4 millóns de euros para o tratamento de plataformas e cruces entre elas en catro estacións do tramo Ourense-Monforte

Adif aprobou a adxudicación das obras de tratamento de plataformas e cruces entre plataformas en catro estacións do tramo Ourense-Monforte de Lemos, da liña convencional Monforte de Lemos-Vigo. O contrato foi adxudicado á empresa Civis Global por un importe de 4.367.479,77 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 13 meses.

Estación de Canabal / Subdelegación do Goberno

Estes traballos forman parte dos proxectos de modernización do tramo Ourense-Monforte de Lemos e permitirán mellorar a fiabilidade de circulacións e usuarios. O proxecto define as actuacións necesarias en plataformas, pasos inferiores e outras estruturas das estacións e apeadeiros de Barra do Miño, Os Peares, San Estevo do Sil e Canabal.

O obxectivo é adecuar as estacións aos requirimentos técnicos e de interoperabilidade da normativa en vigor, en especial no relativo aos cruces de vías entre plataformas, mellorando as condicións de explotación da liña e potenciando a competitividade da rede ferroviaria galega. O ámbito de actuación limítase, por tanto, ás plataformas, cruces entre plataformas e aos accesos aos mesmos cando se realizan directamente desde a vía pública.

Este contrato forma parte das actuacións previstas por Adif para mellorar a protección dos pasos autorizados para o cruzamento de vías ao mesmo nivel en estacións de viaxeiros e outras contornas. As actuacións de mellora do tramo en servizo Ourense-Monforte de Lemos-Lugo teñen como obxectivo cumprir os compromisos de Adif coa optimización das condicións de explotación comercial do traxecto, en parámetros tales como a fiabilidade, o confort e os tempos de viaxe. Os traballos previstos inclúen a modernización e adecuación das instalacións existentes, así como a electrificación a 25 kV en corrente alterna do corredor, adaptando a electrificación existente no tramo Ourense-Monforte de Lemos e dotando de catenaria e instalacións eléctricas ao tramo Monforte de Lemos-Lugo. A primeira destas melloras, a variante da Pobra de San Xiao, entre Monforte de Lemos e Lugo, xa está en servizo desde abril de 2018. Entre os principais beneficios deste novo trazado, duns 7 quilómetros de lonxitude, destaca a supresión dos 14 pasos a nivel do anterior traxecto, co consecuente aumento da seguridade ferroviaria, viaria e peonil, así como o incremento da velocidade de paso dos trens ata o 160 km/ h.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here