HomesociedadeO primeiro furancho da Ribeira Sacra inaugúrase o 2 de abril en...

O primeiro furancho da Ribeira Sacra inaugúrase o 2 de abril en Trasmonte, Vilachá de Salvadur

O colleiteiro Pedro Pérez González abre un furancho na súa vivenda de Trasmonte, Vilachá de Salvadur, no concello da Pobra do Brollón.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello da Pobra do Brollón puxo en marcha a posibilidade de abrir furanchos a través dunha ordenanza municipal en vigor dende xaneiro, co obxectivo de ofrecer a viticultores a venda directa do seu excedente. Pedro, de 60 anos de idade, cumpre este perfil de viticultor arribeirado. Criado en Trasmonte na tradición da viticultura do patao, a súa vida profesional tirou por outros carreiros, principalmente a construción, mais sempre mantendo as viñas da casa. Unha actividade non profesional que agora ten a oportunidade de dar uns rendementos económicos, ou cando menos non xerar perdas.

“Non podemos pretender que a ribeira sexa mantida pola paixón de viticultores que traballan a perdas ou malvenden a uva ás adegas,” sinala Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

Os furanchos son establecementos regulados que ofrecen produtos moi definidos en períodos determinados do ano. A apertura do furancho será en abril ata o final do mes de xuño aínda que “se temos viño abondo poderemos pedir unha prórroga para o mes de xullo,” comenta Pedro Pérez, propietario do furancho.

Os furanchos só poden vender os excedentes de viño e as tapas estipuladas na ordenanza. “O viño que fago para min é o que se vai poñer no furancho,” engade Pedro. En canto ás tapas, destaca a empanada: “Na nosa casa sempre se coceu a empanada no forno de leña. Queremos que quen veña ao furancho goce dese tipo de produto, familiar e tan noso”.

“O viño é Patrimonio e todo o que xera ao seu redor. Podemos ir a un furancho a tomar un viño e escoitar as historias da aldea na que estamos de primeira man… como se fixo sempre,” reflexiona o alcalde. Este primeiro furancho é concibido tamén como un espazo cultural, “A música e a cultura serán importantes neste furancho,” comenta Lucía Pérez, filla de Pedro. “Un espazo comunitario.”

O furancho, que recibirá o nome O Currio por ser o nome da casa na que se sitúa, abrirá na aldea de Trasmonte, na parroquia de Vilachá. A inauguración será o 2 de abril.

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...