A proposta explica que as incertezas que se derivan da situación coa Guerra de Ucraína están a provocar un excepcional impacto económico no tecido produtivo e nas familias, que están a facer fronte a unha escalada sen precedentes no relativo aos prezos enerxéticos, así como á escaseza dalgunhas materias primas esenciais na cadea agro-mar-industria e outras industrias.
Así, desde o Goberno local precisan que se fai necesario adoptar medidas urxentes para que os sectores como a industria, o agro e o mar poidan continuar coa súa actividade, mantendo o emprego, e para que as familias poidan facer fronte e a súas facturas. Pídenlle ao Goberno que tome as seguintes medidas:
- Baixada dos impostos que gravan a electricidade, o gas, a gasolina e o gasóleo.
- Medidas específicas para os sectores máis afectados: transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería e turismo.
- Rectificar a política enerxética abrupta que se vén levando a cabo e apostar por unha transición planificada, proporcional e xusta.
- Reverter o incremento xeneralizado de impostos, descartando a implantación de peaxes nas autovías que suporían novas cargas para as familias e os sectores produtivos esenciais.
Tamén instan á Xunta de Galicia a analizar, xunto cos sectores máis afectados polas consecuencias da invasión de Ucraína (transporte, industrias electrointensivas, pesca, agrogandería, turismo …), coa finalidade de mitigar a situación pola que atravesan os mencionados sectores.
Solución mimosas e rata toupa
En relación coa iniciativa presentada por C@urel Vivo sobre a erradicación de mimosas, a rexedora, Lola Castro, explica que se veñen de solicitar as axudas específicas para esta fin no marco das subvencións para as Reservas da Biosfera, unha vez que o Concello forma parte desta rede e pode optar a elas. Deste xeito, a intención do Goberno local é a de actuar para que a praga non siga reproducíndose polo territorio.
Tamén se aprobará unha iniciativa para que a Consellería do Medio Rural inicie algunha acción máis efectiva ou se incrementen os efectivos para poder trampear con máis frecuencia e intensidade os problemas que está a causar a praga de ratas toupas nos pasteiros e pradarías do Courel alto. Demandan ademais que se contemple algún tipo de axuda para os gandeiros afectados mentres non se consiga reverter a praga, posto que as solucións propostas non están a dar un resultado óptimo.
Estradas alternativas no Courel tras o derrubamento
Courel Vivo aproveitaba para solicitar encontros entre o concello e os axentes sociais para darlles solucións nesta situación e con respecto á estrada con Pedrafita do Cebreiro que executa a Deputación solicitaranlle que non se certifique dita obra e se arranxe correctamente.
Desde a Alcaldía informouse da solicitude para pedir unha reunión urxente co presidente da Deputación, para que poidan actuar nas estradas da súa titularidade. Con respecto á relación coa hostalería e o sector turístico depois do corte da estrada derrubada; a rexedora explicou que non se sabe cales van ser as solucións definitivas nin os prazos, motivo polo que aínda non se fixo ningunha convocatoria de reunión. O que se sabe ata a data xa se foi facendo público a través das canles oficiais do Concello e dos medios de comunicación.