IniciosociedadeQue facía o Xabarín no concerto dos Gin Toni’s en Sober?

Que facía o Xabarín no concerto dos Gin Toni’s en Sober?

O pasado sábado pola noite, a mítica mascota do ‘Xabarín Club’ apareceu no concerto que ofreceu o grupo na Feira do Viño de Amandi. En Xornal de Lemos desvelamos porque saíu a escena e falamos coa creadora do boneco.

Publicado o

- Advertisement -

O concerto dos Gin Toni’s o pasado sábado noite na Feira do Viño de Amandi tivo un inesperado convidado que apareceu no escenario para sorpresa do público alí presente. O Xabarín, a mítica mascota do ‘Xabarín Club’ da Televisión de Galicia, saíu a escena para acompañar coa súa presenza algúns temas musicais do programa que se versionaron. Foi unha sorpresa total para o público e recibiron moitas felicitacións persoais e polas redes sociais.

Contactamos con Andrés Montes para saber que hai detrás desta ‘performance’ e dinos que este 2022, nun reaxuste do seu repertorio, tiveron a idea de incorporar temas do mítico ‘Club Xabarín’. “Queremos facer unha homenaxe ao Xabarín e chegar a esa xente de entre 30 e 45 anos que medrou con el”, di Montes engadindo tamén que “o Xabarín fíxolle un favor brutal á rapazada, á música e aos grupos galegos”. A filosofía do grupo é ofrecer un concerto con temas que marcaron as vidas dos nacidos nos 80-90 e claro, os temas do Xabarín Club tamén están nesa sintonía vital, dá a entender o vocalista dos Gin Toni’s.

“Queremos facer unha homenaxe ao Xabarín e chegar a esa xente de entre 30 e 45 anos que medrou con el”

Outros motivos para incorporar este bloque musical nos concertos foron que “apetecíamos moito meter algo en galego” e que “había que xerar tamén algunha nova expectativa para este ano”, dinos Andrés.

Entre os temas que versionan están, por exemplo, “Xamón, Xamón”; “Estou na lavadora”; “Socio, busco socio”; “Oda ao futbolín” ou “Xabarín que te vin”. Este último tema cítao Andrés cunha lembranza e agarimo especial polos Yellow Pixoliñas.

O Xabarín dos Gin Toni’s. Foto: Paula F.

COMO NACEU O BONECO DO XABARÍN QUE APARECEU NO CONCERTO?

E aquí sabemos a segunda parte da historia. Á idea do repertorio e da homenaxe ao Club Xabarín sumóuselle a idea de crear un ‘Xabarín’ que aparecese nese momento no escenario.

Segundo conta Andrés, despois de ver unhas fotos dunha amiga, Paula, e a súa parella, Alberto, no desfile do Entroido de Monforte, el e Toni (outro membro do grupo) pensaron “hai que chamar a Paula a ver se nos fai un Xabarín”. Tal calidade lle viron aos seus disfraces, na comparsa da Warner Bros, que decidiron chamala para metela no lío.

Contactamos coa creadora do Xabarín. Chámase Paula Fernández e confirma os feitos. Toni e Andrés, amigos de hai moitos anos, contactaron con ela despois de quedar abraiados co seu disfrace de entroido e decidiron facerlle ese encargo tan especial.

Paula coa súa creación. Foto: Alberto R.

“Teño traza para facer disfraces de entroido pero non fixen nada que non fora para min”, dinos Paula. Ao final aceptou o reto e o resultado foi espectacular, un Xabarín totalmente artesanal coa cabeza cuspidiña ao orixinal e a camiseta característica coa que se complementa esta figura icónica da Televisión de Galicia. “Ao empezar pensei, a ver que sae de aquí? e ao final gustoulles a eles e a min”, sinala Paula.

“Fíxeno porque eran eles e pasei noites ata as dúas da mañá para poder rematalo”

Esta creativa monfortina tiña un mes por diante para facelo, porque a estrea estaba programada para o concerto do pasado sábado 9 de abril na Feira do Viño de Amandi, e chegou a tempo. “Fíxeno porque eran eles e pasei noites ata as dúas da mañá para poder rematalo”, confesa.

ÚLTIMAS

Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’

O Concello de Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’ co que...

Bóveda sementa a igualdade nos equipos locais de fútbol

O Goberno local de Bóveda prosegue coa campaña ‘Sementando igualdade’, que esta vez chegará...

Reestablécese o subministro de auga nas parroquias de Monforte

A avaría, que tivo lugar o pasado día 26 de febreiro, provocou unha falta...

O PP de Monforte acusa a Tomé “de tapar os problemas de abastecemento con bombas de fume como a supresión dos pasos a nivel”

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tras ver como que as parroquias...