HomesociedadeCamiñando cara unha Federación de Asociacións da Ribeira Sacra

Camiñando cara unha Federación de Asociacións da Ribeira Sacra

O pasado sábado 23 de abril, no local social de Tuiriz (Pantón), celebrouse o segundo encontro de asociacións veciñais, culturais e comunidades de montes da Ribeira Sacra.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Neste encontro contouse coa presenza de asociacións da provincia de Ourense (Esgos, A Teixeira e Castro Caldelas), que estiveran ausentes na reunión de Vilachá de Salvadur. “Esta incorporación favorece á expansión desta iniciativa para organizar e coordinar as voces vivas da Ribeira Sacra”, sinala o colectivo. Por outra parte, tamén participaron novas asociacións de Pantón, Sober e Chantada.

Todos os acordos tomados foron por unanimidade. O máis importante foi a creación dunha mesa de traballo que preparará unha proposta para a constitución dunha federación de asociacións da Ribeira Sacra. “Esta decisión ten especial relevancia posto que supón un paso adiante e firme para estruturar o movemento veciñal que quere participar en todos os asuntos que lle afectan: dende a candidatura a patrimonio da humanidade da UNESCO até propor proxectos relacionados co patrimonio inmaterial, corrección de cartografía ou coñecer as liñas de subvención que favorezan á veciñanza,” aseguran.

Outros asuntos que se trataron xiraron arredor da creación de canles de comunicación, internas e externas, ou a participación como entidade propia en espazos de traballo común como poden ser os vencellados á reserva da biosfera até os GDR. “Os habitantes deste territorio teñen que ser tidos en conta por parte da Administración, establecendo un diálogo directo e frutífero para todas as partes.”

Tamén se informou na reunión que ata o de agora nin a Xunta de Galicia nin a Deputación de Lugo responderan ao documento presentado por rexistro hai 15 días no cal se expuñan distintas cuestións arredor da candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO. Os colectivos subliñan a importancia da convocatoria urxente do Consello de Parroquias e, sobre todo, da Mesa Interdepartamental, aprobada e regulada polo decreto 105/2020 e que nunca foi convocada.

A seguinte reunión das asociacións celebrarase o 11 de xuño en Castro Caldelas para celebrar a seguinte reunión. As asociacións tamén animan a que se sumen novos colectivos veciñais, culturais e comunidades de montes para ter maior forza, poñer en común as experiencias e compartir propostas para o ben da Ribeira Sacra e da veciñanza

ÚLTIMAS

Na última fin de semana de abril celébrase a XII Subida a Taboada

Esta proba automobilística, que se desenvolverá os días 26 e 27 de abril recuperouse...

Courel Vivo leva a pleno solicitar o arranxo das estradas provinciais

Segundo Courel Vivo as estradas do Courel, independentemente da administración da que dependan, contan...

O músico Sergio Alba presenta “Dous rombos… pasa para a cama!”

O vindeiro 17 de abril, o intérprete con alma de cómico Sergio Alba, presenta...

Prohibidas as queimas forestais e agrícolas de particulares

Quedan fóra da prohibición as queimas prescritas que executa o Servizo de Prevención e...