Conta atrás para o 29 de maio, data na que se celebrará este ano a XXII Mostra do Aceite de Quiroga. Como é tradicional dende os comezos desta exaltación do ouro verde, o lugar das Farrapas, en Bendilló, acollerá no seu muíño tradicional esta romaría gastronómica cun marcado interese etnográfico e turístico; tanto é así que a celebración conta dende o ano 2014 co selo de ‘Festa de Interese Turístico de Galicia’.
En calquera caso, a mostra ten un carácter máis etnográfico que festivo, onde a moenda tradicional do aceite dentro do muíño é o eixo central desta celebración. A posta en funcionamento do antigo muíño ás 11:30 h., coa demostración da elaboración tradicional do aceite, será o acto que abrirá o programa dunha xornada na que o AOVE (Aceite de Oliva Virxe Extra) será o protagonista.
A mostra ten un carácter máis etnográfico que festivo, onde a moenda tradicional do aceite dentro do muíño é o eixo central desta celebración
Paralelamente, durante toda a mañá o aceite elaborado por cinco olivicultores do Concello de Quiroga estará á venda no recinto feiral nos seus respectivos postos. Alí poderase probar e mercar o aceite da última colleita que segundo nos contan saíu espectacular. Os colleiteiros presentes esta ano son: José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Manuel Mondelo Rodríguez e Pedro Soto Losada.
Dende a organización informan que “para facilitar que as numerosas persoas que cada ano se achegan ata esta zona poidan ver o proceso de elaboración tradicional do aceite, dado o número reducido de aforo do propio muíño, na capela das Farrapas (situada ao seu carón) proxectarase en vídeo este proceso”.
Dende as 12:00 h. o grupo tradicional local ‘O Recanto’ actuará no recinto feiral e a continuación a mostra contará cunha inauguración oficial. Será ás 12:45 h. cando a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, se encargue do simbólico corte de cinta.
Inauguración oficial ás 12:45 h. a cargo da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro
No recinto feiral tamén se poñerán á venda produtos típicos da comarca, haberá postos de artesanía e poderase degustar polbo e churrasco.