O Consello da Xunta aprobaba o pasado día 21 de abril declarar o interese turístico desta feira en base ao seu arraigo, valor cultural ou singularidade, ademais de valorar aspectos como a contorna ou as infraestruturas e equipamentos con que conta para o seu axeitado desenvolvemento.
A cita de Pantón defínese polo carácter diferenciador da viticultura da zona, que vén dado pola súa situación xeográfica ao atoparse entre as ribeiras de tres ríos (Cabe, Sil e Miño), que producen uvas con características propias. A feira tamén foi innovando e medrando, e dende hai cinco anos suma a Romaría Festa da Empanada, que se celebrará o sábado, 14 de maio.
As casetas das adegas abrirán no recinto feiral o sábado ás 12.45 horas, e a inauguración correrá a cargo do delegado territorial. A continuación entregaranse os premios do VII Concurso fotográfico Red Ribeira Sacra-Viticultura Heroica. José Mouriño Cuba, membro da Academia de Gastronomía, ofrecerá o pregón o domingo ás 13.00 horas. Durante as dúas xornadas haberá animación musical e concertos e postos de artesanía.
Ademais, este ano habilítanse autobuses -con traxectos de ida e volta- que sairán desde Monforte de Lemos ás 13.00 horas e ás 19.30, e desde Escairón ás 13.45 e 20.15 horas. Para regresar haberá servizos ás 2.00 e ás 3.00 da madrugada.
Nesta edición da Feira participan 8 adegas: Alma das Donas, Casa Moreiras, Finca Míllara, Ciudáseis, Nogueiras, Capilla, Don Ventura e Corzoás. “Para nós volver a celebrar a Feira despois de dous anos e facelo sendo Festa de Interese Turístico de Galicia é unha gran satisfacción”, asegura o alcalde, José Luis Álvarez.
Nas dúas xornadas contarase con música durante todo o día, o sábado coas charangas Europa e Caliqueños e o domingo coas charangas Leña Verde e Unión Phenosa. Ademais o sábado a partir das 21:30 haberá un concerto do Grupo A Roda, seguido do Grupo Alcar para rematar ás 00:30 coa actuación do grupo La Penúltima Sabinera (Tributo a Sabina). A orquestra do domingo a partir das 19:00 será Solara.
Este ano Pantón non será a feira que peche o ciclo de feiras na D.O. Ribeira Sacra, farao Chantada do 3 ao 5 de xuño.