Despois de dous longos anos, neste 2022 Monforte volverá a celebrar as súas Festas Patronais, “dando un paso definitivo cara á normalidade que todos desexamos”, aseguraba o alcalde, José Tomé. “Unhas Festas Patronais que van recuperar a esencia que tiveron nos últimos 7 anos, con concertos masivos e gratuítos na explanada da Compañía, porque xa temos ganas de vela chea de xente como antes da pandemia”.
Este ano haberá un día máis de Festas Patronais. O día do Pregón será o día 10 de agosto e os concertos empezarán o día 11 e rematarán o día 16 de agosto. En total serán 6 días de festa máis o Pregón, o que supón 7 días de Festas, xa que nesta xornada tamén haberá unha actuación musical na Praza de España.
Programa actuacións musicais:
- Mércores 10 de agosto: PREGÓN e actuación musical na Praza de España, que se incluirá dentro das actividades do Verán Cultural.
- Xoves 11 de agosto: Orquestra FINISTERRE: 22:30 a 00:00h / 03:00 a 04:30h. e Orquestra PANORAMA: 00:00 a 03:00 h. (un único pase)
- Venres 12 de agosto: LA OREJA DE VAN GOGH: 00:00 a 01:30 h. Orquestra LOS SATÉLITES: 23:00 a 00:00 h / 01:30 a 03:30 h.
- Sábado 13 de agosto: EDURNE: 23:00 a 00:30 h., GIN TONI´S: 00:30 a 02:30 h., MALENNE: 02:45 a 04:00 h.
- Domingo 14 de agosto: ROSARIO: 23:00 a 00:30 h., Orquestra LOS PLAYER`S: 00:30 a 02:00 h. / 02.30 a 04:00 h.
- Luns 15 de agosto: ANA MENA: 00:30 a 02:00 h., Orquestra COSTA DORADA: 23:00 a 00:00 h / 02:00 a 04:00 h. Fogos artificiais de San Vicente: 00:00 a 00:30 h.
- Martes 16 de agosto: MAGO DE OZ: 00:30 a 02:00 h., Orquestra ACORDES: 23:00 a 00:00 h / 02:00 a 04:00 h., Fogos artificiais do Río Cabe: 00:00 a 00:30 h.
As actuacións musicais empezarán ás 11 da noite e rematarán ás 4 da madrugada. O mandatario local manifestou que “estamos convencidos de que os concertos que temos programados van ser capaces de encher o recinto das Festas, debido á calidade das actuacións e tamén debido ó variado estilo musical dos concertos”.
Como novidade este ano tamén mellorarase a escenografía, o escenario vai ter unhas maiores dimensións, unha mellor sonoridade, e estará cuberto, o que vai permitir que aínda que chova algo, os concertos vanse celebrar igual.
Fogos artificiais
O Alcalde tamén anunciou que se contará cos Fogos de San Vicente na Torre da Homenaxe e tamén cos Fogos do Río Cabe, “tal e como se veñen disparando dende que os recuperamos en 2015”.
O Alcalde rematou salientando que “con este cartel, estamos convencidos que van ser unhas boas Festas, nas que van participar masivamente os monfortinos, e tamén van atraer a visitantes, dado que hai música para todos os gustos e iso vai ser bo para a economía monfortina, especialmente para o comercio e para a hostalería”.
O Programa Cultural do Verán e outras actuación ó longo do verán, daranse a coñecer máis adiante, “nel van ter cabida os grupos e músicos monfortinos, para saír adiante xuntos e non deixar a ninguén atrás, así que os artistas monfortinos van ter cabida nas Festas e na programación do Verán Cultural”, asegura o alcalde.