A cidade de Monforte de Lemos recibiu un galardón que se lle concede ás cidades que apoian, premian e difunden o bo saber facer da xestión dos residuos e da limpeza urbana, así como pola elaboración de proxectos e polo desenvolvemento de tecnoloxías que permitan unha xestión sostible do medio ambiente.
O Alcalde salienta que “este galardón supón a culminación do traballo ben feito por parte deste Equipo de Goberno dende que comezamos a nosa xestión en 2015. A nosa firme aposta polas boas prácticas medioambientais e pola sostenibilidade do noso municipio foron recoñecidas e valoradas polos responsables de outorgar este premio, polo que estamos moi satisfeitos co mesmo”.
Este premio foi outorgado ó Concello monfortino como recoñecemento ás melloras levadas a cabo nos últimos anos no servizo de recollida selectiva, a través da implantación de novas áreas de aportación e novos puntos de recollida porta a porta, así como pola posta en marcha de novos servizos, como o de decapado de pavimentos ou o desbroce en vías municipais.
O certame celébrase desde 1987, cando foi convocado pola UE no Ano Europeo do Medio Ambiente. Monforte xa recibiu previamente a Vasoira de prata e a Vasoira de Ouro, circunstancia que lle permitiu participar na categoría de Vasoira de Platino, e finalmente acadala.
Por outra banda, o Concello monfortino conta, nos días nos que se está a desenvolver TECMA, cun stand propio dende o que se da a coñecer ós visitantes as actividades que en materia medioambiental ven desenvolvendo o Equipo de Goberno monfortino ó longo dos últimos anos.
2,1 millóns de euros en melloras no servizo de limpeza viaria e recollida de lixo
Durante o pasado ano 2021, o Equipo de Goberno foi desenvolvendo un plan de mellora para servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na cidade, froito das negociacións do Alcalde coa empresa FCC Medio Ambiente, adxudicataria do servizo, tras a renovación entre o Concello e esta empresa do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio.
As melloras máis destacadas postas en marcha dende principios deste ano 2021, supuxeron a renovación de 297 papeleiras da cidade, por 43.938 euros, a instalación en todo o Concello de 3.880 novos cubos e colectores de lixo, cunha inversión total de case 299.000 euros (298.817,59 €), a adquisición de 10 vehículos e 16 equipos e maquinaria de limpeza, cunha inversión de case 915.000 euros (914.611,38) e a mencionada renovación dos colectores soterrados destinados a recollida selectiva, a través da implantación de 36 novos colectores de carga superior, que supuxeron un incremento na capacidade total de recollida de 19.000 litros, e para o que se destinou unha inversión de case 240.000 euros (239.170,74 €), e a adquisición de novos camións de recollida de lixo, por 635.442,42€.
O Alcalde recordou que “coa posta en marcha destas liñas de acción superamos os 2,1 millóns de euros (2.131.080,13 €) en melloras desenvoltas polo Concello de Monforte no servizo de limpeza viaria e recollida de lixo na cidade”.
O xurado da asociación ATEGRUS valorou, entre outras, a posta en marcha do novo servizo de desbroce de camiños, desenvolveuse un novo servizo de decapado de pavimentos, e polo servizo de recollida selectiva, mediante a implantación de novas áreas de aportación e renovación dos colectores soterrados, xunto coa implantación do servizo de recollida de cartón porta a porta de papel e cartón a empresas e negocios da cidade.
O Alcalde destaca que “coa concesión da Vasoira de Platino dende o Concello de Monforte vemos premiada a nosa xestión, que supón a mellora continua do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, polo que creo que somos un referente en cidades de pequeno tamaño a nivel autonómico e nacional. Monforte é hoxe unha das cidades máis limpas de España e para nós é un orgullo que se recoñeza e premie a nosa labor”, concluíu o rexedor monfortino.