HomesociedadeCine fantástico do 6 ao 10 de xullo no Fancine de Lemos

Cine fantástico do 6 ao 10 de xullo no Fancine de Lemos

A gala de presentación do FanCine de Lemos será na tarde do mércores, ás 19:00 na Casa da Cultura Lois Pereiro, en Monforte. Na gala proxectarase ademais un documental realizado por Alejandro García (Rufo) sobre o coleccionista monfortino José Luis Martínez Montero, finado en 2021. A presente edición do FanCine quixo homenaxear a Montero, que dedicou gran parte da súa colección ao cinema. Ademais do documental, poderase visitar ao longo do festival unha exposición dedicada á súa figura e obra na Casa da Cultura.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A oitava edición do FanCine de Lemos celébrase dende este mércores 6 a domingo 10 en diversos espazos de Monforte de Lemos, Sober e A Pobra do Brollón.

Este ano son 27 curtametraxes finalistas que competirán polos premios do público e do xurado. Os actores Chechu Salgado e Sabela Arán, mailo director do Sombra Festival, Javier García Caballero, elixirán a mellor curta nacional, internacional e galega.

O mundo dos videoxogos tamén terá unha gran presenza no FanCine deste ano, motivado por dúas efemérides de 2022 de películas relacionadas con videoxogos: o 20 aniversario da película Resident Evil e o 40 aniversario de Tron.

O festival arranca este mércores ás 11:30 coa inauguración no Ateneo Casino de Monforte dunha exposición que chega da man da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI). Será unha instalación interactiva con máis de 20 pezas para explorar de xeito ameno a relación dos últimos 40 anos entre cine e videoxogos. Poderase visitar ao longo do FanCine. Despois da gala da casa da cultura, ás 20:30 no Ateneo Casino, haberá unha mesa redonda coa participación de dous expertos no tema, Carlos Pereiro (Revista Morcego) e Felipe R. (Uroloki). Ás 22:00 proxectaranse curtas de terror dirixidas polos “catro malditos” de México, país convidado do FanCine este ano.

Xoves no Parque dos Condes

O xoves a programación do FanCine será integramente en Monforte. Ás 12:00 no Ateneo Casino, Sara Álvarez Cubelos, arquitecta e artista ambiental en Hexworks, falará de como aplicar a arquitectura ao desenvolvemento de videoxogos.

Pola tarde, a actividade desenvolverase a partir das 19:00 no Parque dos Condes, cun acto para celebrar os 8 anos do Fantafesti, espazo de cinema amateur orientado a promover o talento local en colaboración con colexios monfortinos. No acto proxectarase a curta La chica de la ventana dirixida por Javier Saco, con alumnado do colexio dos Escolapios.

Ademais, estará presente a artista da maquillaxe e da caracterización Zeltia Mateo realizando en vivo e directo un ‘semi body paint’ de rostro, peito e abdome dun personaxe relacionado co cinema e os videoxogos.

A xornada remata no mesmo Parque dos Condes coa proxección ás 20:30 h. da primeira sesión de curtas a concurso, seguida da película galega Jacinto(Javi Camino) que chega ao FanCine antes da súa estrea en cines. Remata a programación ás 12 da medianoite con Resident Evil (Paul W.S. Anderson).

Venres en Vilachá

A xornada do venres comeza no Ateneo Casino de Monforte ás 11:30 con Camilo López e Diego Vázquez (Gato Studio), que ofrecerán unha aproximación ao desenvolvemento de videoxogos a través de gameboy.

Pola tarde a partir das 19:30, o FanCine trasládase ao municipio da Pobra do Brollón, concretamente ao conxunto de adegas medievais de Vilachá de Salvadur.

En Vilachá proxectarase a segunda sesión de curtas a concurso, así como o último traballo do galego Alfonso Zarauza, Malencolía. Tamén estará Iago Gordillo, a persoa detrás de Recuncho Gamer, realizando nunha das adegas un programa especial sobre a relación entre videoxogos e cine.

Ao longo da tarde-noite en Vilachá haberá adegas abertas con viños e opción de pinchos.

Sábado en Sober

A xornada do sábado 9 desenvolverase integramente na adega Algueira no municipio de Sober. Comezará ás 19:00 coa terceira e última sesión de curtametraxes a concurso.

Posteriormente, ás 20:30, haberá unha mesa redonda liderada por Xavi Pons (podcast Marea Nocturna) sobre a importancia da era do formato VHS e dos videoclubes na formación de toda unha xeración de cinéfilos e cinéfilas.

A partir das 22:00 celebrarase a gala de clausura do FanCine de Lemos coa entrega dos premios. A noite rematará con festa animada por unha sesión DJ. Ao longo da actividade en Sober haberá barra con opción de pinchos.

Domingo de clausura

O último día do festival, a programación volve a Monforte de Lemos. Pola mañá, ás 11:30, Felipe Aira guiará un paseo histórico polos cines, teatros e negocios singulares da cidade.

Á tarde, proxectaranse as curtas gañadoras do FanCine de Lemos, cun coloquio posterior con membros do equipo directivo do festival. Será ás 19:00 na Casa da Cultura Lois Pereiro.

A programación rematará nos Multicines Hollywood cunha dobre sesión de proxeccións, comezando ás 20:00 pola longa de anime Belle (Mamoru Hosada), seguido ás 22:00 pola estrea en España de Feral, do director mexicano Andrés Kaiser.

ÚLTIMAS

O 27 de outubro abre a nova Piscina da Pinguela en Monforte de Lemos

Esta tarde, ás 19:00 h. tivo lugar a presentación oficial das novas instalacións da...

Sober retoma polo San Martiño as Festas do Carme, suspendidas polo incendio

O Concello de Sober retomará polo San Martiño, patrón das parroquias á que pertence...

Iago Suárez: “A Xunta utiliza a Ribeira Sacra como atrezzo, pero ignora a xente que vive nela”

O deputado do BNG, Iago Suárez, reclamou esta semana na Comisión de Cultura do...

O PP pide á Deputación que arranxe a LU-P-4112 en Pantón

Os deputados populares condenan “o mal estado” desta vía de titularidade provincial “o que...