O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou este mércores a marcha dos traballos, que supoñen o reforzo do firme de máis de catro quilómetros desta estrada de conexión con Taboada, desde a glorieta de Rubián -no punto quilométrico 1 – ata o punto 5+030. Os traballos quedarán concluídos este xoves.
Nesta vía executouse a regularización do pavimento e a continuación dotouse dunha nova capa de rodadura con mestura bituminosa en quente en todo o ancho da calzada.
Arias lembrou que estes traballos están incluídos nun contrato de máis de 1,5 millóns de euros para acondicionar tres estradas que vertebran as comunicacións da Zona Sur de Lugo. Así, ademais da LU-611, tamén se actúa na LU-617 e a LU-603 no seu percorrido por Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda.
A renovación do firme completarase cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.