HomesociedadeAxudas para a dotación e melloras de servizos comunitarios no rural

Axudas para a dotación e melloras de servizos comunitarios no rural

A Deputación de Lugo abriu este mércores 28 de setembro o prazo para solicitar unha liña de axudas destinada a colectivos legalmente constituidos co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural. Contan cunha dotación económica de 300.000 euros e tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva. Informamos dos detalles máis importantes e facilitamos o acceso ás bases desta convocatoria.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

No marco do “Programa para a dotación e mellora de servizos comunitarios”, a Deputación de Lugo vén de facer unha convocatoria de subvencións co obxectivo de sufragar gastos destinados a investimentos e/ou equipamentos que contribúan a mellorar a calidade de vida no rural e a fomentar o asociacionismo veciñal.

As axudas son de concorrencia competitiva e poderán solicitarse ata o vindeiro 28 de outubro segundo aparece recollido no Boletín Oficial da Provincia (BOP) con data 27 de setembro. Aquí podedes acceder ás BASES do devandito programa.

BENEFICIARIOS E GASTOS SUBVENCIONABLES

Poden pedir estas axudas as entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas; comunidades de usuarios e usuarias de augas; asociacións de mulleres rurais, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros; agricultores ou produtores forestais da provincia de Lugo.

Na base 7 aparecen os gastos subvencionables: mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna.

IMPORTE SUBVENCIONABLE E PRAZO DE EXECUCIÓN DAS OBRAS

No que respecta ao importe, as axudas oscilarán entre os 1.000 e os 6.000 euros tendo que financiar a entidade beneficiaria polo menos o 5% do custe total da actuación subvencionada. As obras deben realizarse entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de xuño de 2023.

Este programa, de ampla repercusión social, enmárcase nas accións que leva a cabo a Deputación Provincial de Lugo para dotar de máis e mellores servizos ás veciñas e aos veciños do rural e contribuír tamén a fixar poboación.

ÚLTIMAS

‘Provincia de Lugo. Mergúllate na maxia das súas augas’, campaña que leva a FITUR a Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo presentará a súa nova campaña de turismo, ‘Provincia de Lugo. Mergúllate na...

Xunta e Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra reforzarán a súa colaboración

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural,...

O Servizo de Educación e Apoio Familiar de Chantada refórzase cun psicólogo

O labor de acompañamento socioeducativo e asesoramento do SEAF chantadino refórzase agora con apoio...

Conta atrás para que a candidatura da ‘Ribeira Sacra: Paisaxe da auga’ sexa Patrimonio Mundial da Unesco en 2026

A Xunta de Galicia afronta con “boas expectativas” a recta final da candidatura da...