O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, supervisou este martes as obras de asfaltado da rúa Rof Codina.
As actuacións de mellora na rúa Rof Codina, contaron cun orzamento de 163.398,41 euros (IVE engadido). O Concello actualmente está desenvolvendo as obras de urbanización e dotación de servizos na Zona C. A empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. executa as obras por un importe de máis de 915.000 euros (915.225,85€).
Así, xunto co asfaltado de Rof Codina, o Concello está avazando noutras obras complementarias da Zona C, como o remate do paseo da zona da Gardería Municipal, a dotación de céspede a todas as zonas verdes previstas ou a iluminación LED, “actuacións nas que se está a traballar a bo ritmo e que permitirán rematar as obras nas datas sinaladas”, subliñou José Tomé.
Actuacións de mellora en Rof Codina
A calzada ten un ancho fixo de 3,50 metros e as beirarrúas anchos variables de entre 2,65 e 2,85 m., co cal levarase a cabo unha ampliación do espazo para uso peonil, humanizando deste xeito o conxunto da actuación, dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas.
O Alcalde recorda que “todas as novas rúas, que son tres as relacionadas con este proxecto, serán de dirección única, e polo tanto é necesario que o inicio de Rof Codina tamén sexa de dirección única en sentido dende a Avenida de Galicia ata a rúa Cobas, mentres que a rúa que da acceso á Gardería Municipal terá un sentido de circulación como as agullas do reloxo, entrando dende a rúa Ourense e saída cara a rúa Cobas”.