Neste evento, Inés Santé lembrou que o obxectivo da Xunta é consolidar a primeira rede de aldeas modelo na que se potencien os grandes valores das áreas rurais, coa finalidade de impulsar a súa recuperación integral e de conseguir un territorio rural galego resiliente.
Para iso, salientou a directora xeral, o aproveitamento das TIC é esencial e enmárcase no establecido pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Esta norma, sinalou, propiciou a creación de figuras como as aldeas modelo, entre outras ferramentas de mobilización da terra, todas elas enfocadas á loita contra o abandono e a favor da dinamización social, económica e ambiental dos espazos rurais da nosa comunidade.
Agora, engadiu Inés Santé, “a Xunta dá un paso máis para afrontar grandes retos, como son a garantía de digna continuidade do sector primario, a demografía ou o cambio climático, potenciando para iso a dixitalización das aldeas. A través de catro liñas principais: o desenvolvemento de servizos rurais; a aplicación de solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas, apostando pola dixitalización e pola mellora progresiva das infraestruturas dixitais; o impulso definitivo á sustentabilidade e á economía circular da produción agraria e a propia mellora do núcleo rural das aldeas modelo, conquistando máis formación, innovación e máis cultura empresarial.”
Aldeas rehabilitadas
De feito, insistiu Santé, as aldeas modelo pasarán a estar completamente rehabilitadas a través da posta en marcha dun Plan de dinamización do núcleo urbano, cun Plan integrado de dinamización turística. Neste senso, destacou tamén que xa está previsto comezar os proxectos piloto dos Plans de dinamización de catro aldeas modelo galegas. Esta rehabilitación cumprirá estritamente, e sempre que sexa posible, os criterios de arquitectura tradicional, sendo utilizados oportunamente materiais de orixe galega como a madeira.
Por último, a directora xeral puxo en valor que esta iniciativa das aldeas intelixentes vén de ser recoñecida polos enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia polo seu interese a prol da dixitalización e a sustentabilidade do rural. Así, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural recibiu recentemente o premio Vantage Towers ao mellor proxecto TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para a sustentabilidade e coidado da terra 2022.