HomesociedadeMonforte prepara as xornadas "Familia e crianza: superando estereotipos”

Monforte prepara as xornadas “Familia e crianza: superando estereotipos”

O Concello de Monforte porá en marcha, a semana que vén, unhas “Xornadas en formación e sensibilización en corresponsabilidade e coidados Familia e crianza: superando estereotipos” dirixida ás familias monfortinas con fillos ou fillas entre 0 e 6 anos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Con esta formación, dende a Concellería da Muller e Igualdade, a través do CIM preténdese iniciar o camiño para sensibilizar ás familias sobre a necesidade de fomentar a corresponsabilidade nas tarefas de crianza e nos usos do tempo dos coidados.

Así mesmo, nestas xornadas traballarase para remover os estereotipos dentro das parellas e conseguir unha repartición equilibrada das tarefas domésticas e mellorar así a conciliación da vida familiar, laboral e persoal, libre de condicionamentos de xénero, xa que son as mulleres as que, de forma maioritaria, asumen a carga de coidados familiares e domésticos.

Desenvolveranse dúas sesións grupais de formación, unha cos pais e a seguinte cos dous proxenitores. Estas sesións irán dirixidas ás familias con fillos ou fillas entre 0 e 6 anos.

As sesións realizaranse en cada un dos centros de ensino de educación primaria, así como na Escola Infantil Municipal, comezando o próximo venres 28 de outubro, no centro educativo PP. Escolapios de 15.30 a 17.30 horas e posteriormente na Escola Infantil Municipal de 18.00 a 20.00 horas.

Cada sesión formativa consistirá nunha exposición dos contidos invitando as persoas participantes a dar as súas opinións e experiencias persoais para exemplificar as distintas situacións. Haberá unha enquisa previa en formato dixital para compartir coas familias antes das sesións formativas.

Contidos das xornadas

  • Desenvolvemento psíquico e emocional infantil
  • Tipos de apego
  • O papel necesario do pai no primeiro ano de vida do bebé.
  • O papel da nai no primeiro ano de vida do bebé. Necesidades emocionais do puerperio.
  • Estereotipos e roles de xénero: datos sobre o tempo invertido nas tarefas domésticas e os coidados  (coidados básicos de hixiene, alimentación, vestimenta, responsabilidade do colexio, tarefas extraescolares, os grupos de WhatsApp,…)

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no seu propio colexio de Primaria ou a través do CIM no 982 416350. A actividade está organizada polo Concello de Monforte e financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables.

ÚLTIMAS

A D.O. Ribeira Sacra pecha a vendima con 5,4 millóns de quilos de uva recollidos despois de 46 días

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra pechou a campaña de vendima 2026 tras 46...

O IES Río Cabe na final do Concurso de Coñecementos Financeiros

O certame está organizado polo Banco de España, a CNMV (Comisión Nacional do Mercado...

Alumnado do CEIP Eduardo Cela Vila pregoou a XIV Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela

A través dunha lectura coral, o alumnado do centro pronunciou o seu discurso baixo...

Esperta Monforte esixirá no pleno deste 28 de setembro que se remate o enlace entre o Porto Seco e a N-120

Na moción que presenta Esperta Monforte sinalan que a Cidade do Cabe ten un...