O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, presentaron en Lugo o II Foro Think Tank que nesta ocasión leva por título “Ribeira Sacra: aposta de futuro”, unha das iniciativas que ambas entidades levan organizando por toda a provincia no marco do programa Conecta Lugo.
Esta acción conxunta da CEL e da Xunta de Galicia aposta por ofrecer ferramentas ás pemes que lles permitan avanzar en innovación e competitividade. Jaime López suliñou que “o II Foro Think Tank superou todas as expectativas: nos tres primeiros días cubríronse xa as prazas inicialmente previstas, cincuenta; foi tal a demanda que decidimos ampliar o aforo con vinte prazas máis para acoller ao maior número de interesados”.
Destacou tamén que se “percibe moito interese en coñecer de primeira man casos reais de empresas que están tendo éxito” e que “as empresas son conscientes de que participar en foros como este permite xerar sinerxías entre negocios complementarios na súa actividade e tamén facilitan a colaboración público – privada, de demostrada utilidade para o desenvolvemento dun territorio”.
Programa
O programa do foro comprende tres mesas de traballo: “Excelencia e sustentabilidade como camiño no turismo”; “O potencial do sector agroalimentario” e “O viño como porta ao mundo”. Nelas participarán representantes de entidades da Xunta como a Axencia Galega de Innovación, o Igape, a Axencia Galega de Turismo de Galicia ou Agacal, así como do C.R.D.O Ribeira Sacra e empresas como Vinigalicia, Galletas Daveiga, Alibós, Arias Moniz ou Máis que Románico, entre outras. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde clausurará o evento.
