O Fórum de Cidades e Territorios Creativos de España, é unha iniciativa da Asociación España Creativa, que este ano coorganiza coa Deputación de Lugo, tras alzarse coa Copa España Creativa no Fórum Orihuela 2020, celebrado en 2021 pola pandemia.
A inauguración celebrarase este xoves, día 10 no salón de actos da Deputación, encargándose da conferencia inaugural, a Vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribeira. Nesa xornada abordarase nun foro a transición ecolóxica e dixital no turismo para o desenvolvemento sostible. Completarase a xornada coa presentaci`ón dos 3 proxectos finalistas na categoría de Creatividade e Innovación Económica-Tecnolóxica e os 3 finalistas na categoría de Creatividade e Innovación Ambiental-Territorial.
A programación do venres en Monforte desenvolverase pola mañá no Parador de Turismo comezando ás 10:00 coa mesa redonda “Reinventando as experiencias turísticas no mundo rural: patrimonio inmaterial e innovación artística” que dirixirá o poeta galego, Miguel Losada. Intervirán: Olga Novo, poeta, Premio Nacional de Poesía 2020; Diego As, artista urbano; Manuel Varcárcel, fotógrafo e director de cinema; David Catá, fotógrafo, escultor e pintor, autor da imaxe corporativa do Fórum Lugo 2022.
Seguidamente presentaranse os 6 Proxectos Finalistas que concursan na Categoría de Creatividade e Innovación Cultural e Artística e despois dunha viaxe en catamarán para todos os participantes seguirá a actividade no Centro do Viño da Ribeira Sacra co foro, “Experiencias Turismo España: internacionalización da cultura española e patrimonio mundial” que coordinará a directora do Fórum Lugo 2022, Belén Elisa Díaz. Neste encontro presentaranse “Experiencias Turísticas de Lugo” coa participación de Uxío Novo, Residencias Artísticas O Courel, Fundación Uxío Novoneyra; Elías González, Artesanía Gundivós e o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. Posteriormente celebrarase un encontro de redes, entre Red de Ciudades y Territorios Creativos de España, que presentará a súa nova marca de “Turismo do Talento”, e a Red Nacional de Territorios Creativos de Chile, coa participación da Secretaria Executiva en Economía Creativa do Goberno de Chile, Carolina Pereira.
Xa o sábado, 12 de novembro, a programación trasládase á Mariña pola mañá e pola tarde remátase en Lugo. Ás 20:30h o Museo Interactivo da Historia de Lugo acolle a Gala da Copa España Creativa e entrega de premios e medallas de honra España Creativa ao coreógrafo, Nacho Duato; a poeta Olga Novo e a deportista Teresa Perales; coa participación da cantante, Luz Casal. A gala culminará coa entrega de diplomas aos 18 Finalistas de cidades e territorios de España, de 5 áccésits e da Copa España Creativa Lugo 2022, que acollerá a próxima edición do Fórum.