Máis de 50.000 persoas viaxaron este ano nos catamaráns da Ribeira Sacra

Máis de 50.000 persoas coñeceron a Ribeira Sacra este ano 2022, desde o mes de marzo ata esta fin de semana, a bordo dos catamaráns que xestiona a Deputación de Lugo polos Canóns do Sil e o río Miño.

Catamarán / Deputación Provincial

En total, esta temporada foron 51.420 os usuarios e usuarias que realizaron estas rutas fluviais coñecendo desde un punto de vista diferente este enclave natural declarado Reserva da Biosfera pola Unesco. En concreto, na ruta do Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, rexistráronse un total de 39.929 persoas, e na do Cabo do Mundo, con saída de Santo Estevo en Belesar, foron 11.491 viaxeiros. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, falaba do éxito do servizo, “son datos moi bos que afianzan o modelo de turismo polo que apostamos dende a institución, un turismo de calidade, proximidade e non masificado capaz de atraer visitantes durante todo o ano”.

Así mesmo, o grao de satisfacción dos participantes segundo os resultados obtidos dunha mostra de 1520 enquisas realizadas online “é moi favorable”, explicou García Porto, e están a supoñer un importante “polo de atracción turística da provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra”. Os datos avalan, dixo, que a actividade do catamarán da Deputación “foi para preto do 42% dos participantes a súa principal actividade durante o seu paso polo territorio”. Outro indicativo importante é o feito de  que “preto do 80% dos usuarios visitaron por primeira vez a Ribeira Sacra na súa viaxe, mentres que máis do 25% repetía experiencia”, destacou García Porto.

Unhas cifras que demostran por tanto que “as rutas fluviais que ofrece a institución provincial están a ser ano tras ano un motor moi importante de atracción turística para a provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra, en tanto que  xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo, contribuíndo así de maneira directa á dinamización económica, da hostalería, do turismo e do comercio”,

En canto á demanda das viaxes, o 76,45 % dos participantes realizaron a ruta do Canón do Sil, o 19, 93% a ruta Cabo do Mundo e o restante 3,62 % optou por ambas rutas. A diferencia de participación entre estes itinerarios débese en parte á suspensión da actividade da ruta polo Miño por causas alleas á institución provincial. A ruta leva sen operar desde o pasado 9 de outubro polos labores de mantemento de Naturgy  no encoro dos Peares que provocou una redución do nivel da auga, o que imposibilitou a navegación por motivos de seguridade.

No caso da ruta fluvial dos Canóns do Sil, foron un total de 39.929 as persoas que elixiron este itinerario, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas. Nesta ruta funcionaron ao 100% dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil.

Pola súa banda, 11.491 viaxeiros realizaron a ruta fluvial Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, transitando polo Saviñao, Pantón e Chantada, tamén cunha duración aproximada de 2 horas, e que contou neste caso cunha capacidade total de 63 viaxeiros.

O perfil dos usuarios e usuarias do servizo provincial foron pequenos grupos de familias ou amigos, así como viaxeiros galegos e doutras comunidades autónomas que se achegan á Ribeira Sacra para coñecer a comarca e o que esta ofrece. “Estamos notando unha tendencia á alza deste perfil de pasaxeiros, que veñen especialmente nun 98% de toda España, e da comunidade galega, pero tamén estamos a rexistrar un repunte de pasaxeiros internacionais”, subliñou García Porto.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here