HomesociedadeO Trícole: máis de 20 anos cantando os Reises

O Trícole: máis de 20 anos cantando os Reises

Esta asociación cultural ten como obxectivo principal a recuperación da tradición oral e este Nadal tivo unha participación moi activa no seu Concello de Sober. Falamos con Alfonso Campos, un dos fundadores.

Publicado o

- Advertisement -

Segundo nos conta Alfonso Campos, O Trícole naceu polo outono do ano 1997 e dentro da Escola de Música do Concello de Sober cando se decidiu facer un grupo de adultos. Daquela, Alfonso era profesor e Luis Guitián, actual alcalde, músico e concelleiro de cultura.

Sabemos tamén, partindo da memoria de Alfonso, que o nome deste grupo, constituído xa como asociación cultural dende hai ben anos, vén dun personaxe moi coñecido que foi no Concello de Sober: “O Trícole”, un tipo de Bolmente que facía coplas, cantaba os Reises, regueifaba…

Un dos obxectivos principais deste colectivo era recuperar a tradición musical pero co tempo foron dedicando a súa actividade á recuperación da tradición oral en xeral pois ademais de coplas, cantigas e cancións, tamén recollen lendas, contos, sucedidos, etc. De feito, teñen material publicado, dous libriños con formato folleto e un xa máis traballado e completo co título de “Un pouquiño de tradición oral no Concello de Sober” (2010).

A TRADICIÓN DE CANTAR OS REISES

Respecto da tradición de ‘Cantar os Reises’, Alfonso dinos que “haberá máis de 20 anos que os cantamos. Quitando dous anos da pandemia non deixamos de facelos…”.

Cada 6 de xaneiro a formación vai por diferentes parroquias cantalos con pezas que recollen no lugar, como por exemplo coplas do “Sabina”, con outras recollidas en cancioneiros, e tamén con composicións propias do Trícole. “Temos igual unha ducia de coplas nosas”, di Campos.

O Trícole cantando ‘Os Reises’. Foto: Ángeles Rodríguez.

Este 2023, na saída que fixeron en Sober, percorreron os seguintes lugares: San Sillao –casas do Varela e do Onza–, Francos –a casa do Castor–, Figueiroá –casa da Eirexa–, Sampil –casa do Moncho, casa do Ferreiro e casa do Juanito– e Bulso –Cantina dos Meus Avós–.

OUTRAS ACTUACIÓNS DO TRÍCOLE ESTE NADAL

O Nadal 2022 foi moi activo para esta formación pois tivo varias actuacións, ademais da devandita saída que acostuman facer o 6 de xaneiro.

O día 23 de decembro cantaron ‘Os Reises’ en Bolmente, nun local deste lugar; o día 30 fixeron o propio no núcleo urbano de Sober, concretamente diante dos bares da localidade para dinamizar tamén a hostalería; e o 4 de xaneiro participaron nun Canto de Reis organizado polo Concello de Sober no Auditorio do Centro Sociocultural.

Nesta actuación do 4 de xaneiro coincidiron cantando panxoliñas coa Coral Samoeiro da Pobra do Brollón e no acto fíxose entrega de premios dos certames de Nadal organizados polo concello.

O Trícole xunto coa Coral Samoeiro no Centro Sociocultural de Sober. Foto: Ángeles Rodríguez.

ÚLTIMAS

Dáse a coñecer o cartel oficial da XXII Feira Medieval de Monforte

Esta mañá presentouse en rolda de prensa a imaxe gráfica representativa dun dos eventos...

O equipo de debate de BAC do IES Río Cabe na fase final do Parlamento Xove

O equipo de debate de BAC do IES Río Cabe, integrado por Sabela Castro...

8M en Monforte con presenza do alcalde e sen a oposición

A concentración tivo lugar ás 13.00 horas na Praza da Compañía, diante das Casitas,...

O BNG de Pantón homenaxea no 8M a Cándida Fernández

Durante os próximos meses dende o BNG de Pantón aseguran que seguirán promovendo actos...