390.000€ para a renovación e modernización do alumeado público en 53 zonas de Pantón

A subdelegada do Goberno avanzou que estas actuacións foron financiadas con 4 axudas do Programa DUS 5000, xestionado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico "impulsando unha economía máis verde, sostible e xusta

Subdelegada do Goberno Pantón / Subdelegación do Goberno

O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno inviste en Pantón máis de 390.000 euros para a renovación e modernización do sistema de alumeado público exterior en 53 zonas do municipio. “Grazas ás axudas por parte do Estado o Concello de Pantón puido modernizar máis do 45% do alumeado público do municipio con tecnoloxía eficiente, reducindo un 75% o consumo enerxético, o que lle permite ao Consistorio reducir a súa factura enerxética anual en máis de 80.000 euros que poderán investir noutras prioridades e mellorar os servizos públicos que ofrecen aos veciños e veciñas”, subliñou Isabel Rodríguez. A subdelegada reuniuse co seu alcalde, José Luis Álvarez, e parte da corporación municipal, para informarlles, ademais, sobre os programas dispoñibles do Goberno en materia de vivenda, transición ecolóxica e administración pública, e coñecer, ao mesmo tempo, as súas demandas e inquedanzas.

Isabel Rodríguez explicou que a achega económica do Executivo cobre o 85% do total das actuacións e significa unha importantísima colaboración para un Concello como Pantón, “que puido afrontar unha obra que hoxe cobra moita relevancia polos custes da enerxía e pola necesidade de avanzar na transición enerxética”. Así, substituíron 1.154 luminarias por unhas novas de tecnoloxía LED. Ademais, renováronse 44 instalacións en máis de 50 núcleos do concello, incluíndo cadros de protección e parte do cableado.

Concretamente, os núcleos de Pantón que se beneficiaron destas obras son: Ferreira, Siós, Castillón, Acedre, Mato, Piñeiro, Ferreiroá, Paderne, Virís, Sernande, Vilanova, Tanquián, Guende, Ral, Hermida, Xesteira, San Vicente, Serpentiña, Bargo, Castroañe, Carballo, Campo, Formulia, Cotillón, Cangas, Oseira, Guiande, Panfulía, Guítara, Pereiro, Trasulfe, Marce, Nadal, Vilafiz, Ferreira, Seoane, Souto, Prado, Santalla, Vilamelle, Deade, Curro, Toldaos, Cangas, Alto Guítara, Barrio de Eiré, Seragude, Pantón, Souto, Torrón, Ribas de Sil, Estación e Piuca.

O DUS 5000 vai dirixido a municipios cunha poboación de menos de 5.000 habitantes co obxectivo de incentivar a transición enerxética e o cambio cara á mobilidade sostible dos pequenos concellos, que teñen máis dificultadas para acometer grandes investimentos, mediante proxectos singulares e de enerxía limpa.

Pantón estará presente tamén nas dúas convocatorias de dixitalización do territorio que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, o que favorecerá contar con internet de alta velocidade, superior a 300mb, en 421 puntos nos que se localizan 1.336 vivendas e empresas do municipio. “Garantimos a conectividade de máis de 300 megas á práctica totalidade do territorio, en zonas nas que a día de hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, básica para a xente que vive no rural e para asentar nova poboación”, engadiu Isabel Rodríguez.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here