A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén adaptará desde o próximo luns os servizos regulares de transporte público que discorren por Folgoso do Courel. Está previsto pechar o tramo á circulación os días laborables a partir das 9,30 horas, para permitir o paso do transporte escolar; pola mesma razón, nesta fase da obra adiantarase a apertura ás 17.00 horas, horario que se manterá sempre que a evolución dos traballos o permita para ocasionar o mínimo trastorno posible. Tentarase dar todas as facilidades e adaptarse na medida do posible ás necesidades da poboación, especialmente do centro educativo. Fóra desa franxa horaria, abrirase parte da vía e darase paso alternativo á circulación nos distintos sentidos, regulados por semáforos.
En días festivos e fins de semana a estrada quedará completamente aberta á circulación, salvo incidencias puntuais. Mentres dure o corte total da estrada, a Xunta adaptará os servizos de autobús que comunican Folgoso do Courel. No caso da conexión con Pedrafita do Cebreiro, os servizos terán inicio e finalizarán en Seoane do Courel. No que respecta á conexión con Quiroga, os cambios poderían afectar ao servizo que ten saída nesta localidade ás 17,00 horas os luns e venres e os días de feira (10 e 27 de cada mes); se as circunstancias obrigaran a manter pechado o tramo máis alá desa hora en días coincidentes cos sinalados, o transporte realizarase nun vehículo turismo polo desvío habilitado.
Pola súa banda desde a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra solicitouse ao Concello o compromiso para que se estableza unha comunicación directa e diaria entre o xefe de obra e o colexio, “para que as familias estean informadas en todo momento das incidencias que puidese haber nas obras e que repercutan nos horarios. Xa que se nos informou verbalmente que haberá días que a execución da obra non poderá cumprir cos horarios polo que precisaremos saber o horario real da chegada á casa do alumnado. Solicitamos tamén un compromiso por parte do concello para que, ante a posibilidade de incidencias na obra os nenos non podan acudir ao colexio, sexa a administración local a que xestione un servizo de conciliación familiar.”
A ANPA asegura que estará atenta ás comunicacións da Xunta en canto ao compromiso de apertura da estrada os venres ás 15h. “Agardamos que sexa o antes posible e non teñamos que continuar coas medidas de presión previstas.”