HomesociedadeNunha semana 7.500 prazas reservadas para os catamaráns pola Ribeira Sacra

Nunha semana 7.500 prazas reservadas para os catamaráns pola Ribeira Sacra

A institución provincial ofrece a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación de Lugo Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que sae de Belesar Pobo, no Saviñao. A viaxe polo Miño conta con preto de 1.200 reservas, e as restantes, unhas 6.300, son viaxes que se farán polo río Sil.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou a forza coa que arrincou a nova tempada dos catamaráns da Deputación de Lugo pola Ribeira Sacra, pois só na primeira semana dende que se abriu a venda de billetes, xa hai 7.500 prazas reservadas.

“Seguimos consolidando as rutas fluviais pola Ribeira Sacra como un reclamo de primeira orde para incentivar así a actividade económica, e facémolo a través do modelo de turismo polo que traballamos dende a Deputación, sostible, de calidade, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio”, subliñou García Porto, quen lembrou que as viaxes arrincarán o vindeiro 1 de abril, nas vésperas de Semana Santa.

As reservas poden facerse a través da páxina web reservas.rutasembalses.es na que, ademais, as persoas interesadas poderán coñecer todos os detalles das diferentes viaxes. O portal posto en marcha o pasado ano pola Deputación de Lugo ofrece a posibilidade de modificar as reservas, coñecer a normativa vixente e coñecer toda a información precisa para realizar a viaxe.

Datas e horarios

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros. 

En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do sábado 1 ao domingo 9, en horario de mañá e de tarde. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana. Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o primeiro luns do mes, pola festividade do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.

No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana. Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co día de Todos os Santos.

No caso da viaxe que parte de Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro. Ambas rutas rematarán a temporada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...