O Campamento Medieval ubicado na praza de España, será un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros do Ulver, e que incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do medievo. Estes cabaleiros encargaranse de vixiar a feira e realizar levas entre as xentes para a súa instrución militar. O campamento será presidido polos Xigantes dos Condes de Lemos.
Contarase tamén cun Campamento Infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos, obradoiros, torneos e atraccións medievais para os máis pequenos. Queremos que este campamento infantil sexa un atractivo máis para os nenos e as nenas, co obxectivo de implicalos no evento de cara ó futuro. O espectáculo de aves de rapiña e cetrería coa agrupación de “Falcóns Galicia” realizarase no Campo de San Antonio.
Un dos espectáculos máis vistosos da Feira son as Xustas Medievais, que desenvolve “Hípica Celta”, no campo de terra dos Pais Escolapios. Este espectáculo que alcanza a súa 7ª edición terá como actuación central, tanto o sábado coma o domingo ás 6 da tarde, un Gran Torneo Medieval, que incluirá variacións con respecto ós últimos anos, con rotura de lanzas, combates de espadas, nomeamento de vencedores e música ó vivo.

Mantense o protagonismo dos espectáculos de lume, correrán a cargo de diferentes agrupacións que sairán da praza de España percorrendo as principais rúas da feira, na tarde do sábado. Na praza Luis de Góngora na noite do sábado, 8 de abril, mesturaranse técnicas de manipulación de lume, música ó vivo, a acrobacia, a maxia e a pirotecnia fría, dando como resultado un mundo misterioso e apaixonante de trasnos e meigas. Este espectáculo culminará cun momento máxico que será a queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos Faroliños de papel co que finalizarán as actividades do sábado. Os visitantes que suban a San Vicente para participar desde noite de lume recibirán no Campo da Virxe os faroliños para soltar e subirán a ritmo de tambores e música ata a praza Luís de Góngora onde posteriormente se procederá á solta dos faroliños que iluminarán o ceo de Monforte.
Este ano incorpórase como novidade o sábado ás 20:30 o espectáculo itinerante “AS LENDAS” onde persoaxes de mitos e lendas cobran vida e interactuan co público e que nos farán vivir unha experiencia inesquecible chea de música, acción e animación constante.
Mercado Medieval
Ademais destes espectáculos que se atopan repartidos por toda a a cidade, o casco histórico de Monforte énchese de postos e paradas que conforman o mercado medieval. Nesta ocasión participan 130 postos de venda e gastronomía. Contarase con postos de venda de produtos alimentarios e paradas gastronómicas, artesáns/ás con carta de artesanía ou acreditación correspondente e postos de comercio.
Os postos de alimentación estarán distribuídos entre a venda de produtos gastronómicos que irán ubicados no interior do espazo dos mercados, o que se chama Zoco Gastronómico, e o resto das paradas gastronómicas distribuirase ó longo de todo o traxecto, sendo o zoco central destas paradas o atrio da igrexa da Régoa.
Cabe destacar que este ano colocaránse novos postos e zonas de parada gastronómica coas decoracións correspondentes da Feira medieval, nas rúas Pescaderías e a rúa Aberlardo Baanante e colocaranse máis postos cara o Campo San Antonio.
Desde o concello de Monforte animan á participación desta cita que o ano que vén chegará ás 20 edicións, o que lle permitirá ser declarada Feira de Interese Turístico de Galicia.
