A Deputación de Lugo, ao igual que en anteriores campañas, axilizará os labores de roza para mellorar a visibilidade e seguridade nas estradas de titularidade provincial, ademais de favorecer a prevención de incendios de cara a época estival.
O Plan de Roza da Deputación ten despregado un dispositivo con máis de 200 operarios que traballan de forma simultánea nas 24 zonas de conservación nas que está dividida a rede viaria de titularidade da institución. Os traballos que se están a levar a cabo consisten no desbroce e limpeza xeral da maleza en ambas marxes das vías, ademais da realización das tarefas de poda de arborado para deixar libre un gálibo de 5 metros de altura en todo o ancho da vía.
Estes traballos teñen un prazo máximo de execución de dous meses, polo que entre finais de xuño e principios de xullo prevese que a rede provincial estea nas mellores condicións para todos os usuarios e usuarias, especialmente nestas datas do verán, época na que se rexistra un maior número de tráfico na provincia luguesa. A rede viaria da provincia de Lugo é a máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia, con 4.200 quilómetros.