A concentración de repulsa polas agresións sexuais sufridas por dúas menores de idade na madrugada do pasado martes 15 de agosto, en Monforte, tivo lugar na Praza do Concello.
O 16 de agosto, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte e en nome de toda a Corporación emitía un comunicado manifestando “a nosa máis enérxica repulsa e condena por estes feitos tan lamentables, producíndose durante a celebración das Festas Patronais. O pobo de Monforte rexeita taxantemente calquera tipo de agresión e moi especialmente se se trata de agresións sexuais a mulleres.”
José Tomé subliñou que “en Monforte non cabe ningún tipo de comportamento machista nin delitos contra a integridade e a liberdade sexual das mulleres, especialmente se son cometidos con menores de idade.”
Neste senso, o Alcalde salienta que “o Concello está a disposición das familias para axudar a superar este momento tan difícil, prestando se fose necesario, apoio legal, psicolóxico ou de outro tipo que precisen”. A próxima Xunta de Goberno que se celebrará o vindeiro luns, día 21 de agosto, ás 9:00 h., acordará personarse o Concello como acusación particular.
Manifesto FemFORTE
“A violencia sexual cara á infancia e adolescencia creceu un 71% nos últimos 10 anos e estes son os casos que se denuncian. 4 de cada 5, son nenas e mozas adolescentes. Cun aumento de violacións en grupo.
Sen educación sexual e afectiva, a pornografia convértese na maior fonte de información sobre sexualidade, polo que o desexo sexual créase sobre cimentos violentos, desiguais e ficticios. Segundo un estudo realizado pola Universidade das Illas Baleares, a idade de inicio de consumo de pornografía son 12 anos. O 90% dos adolescentes entre 13 e 18 anos consomen pornografía e a idade de inicio baixa cada vez máis, o 17% dos nenos de 8 anos xa consumiu pornogragia Segundo Save de Children, que alertou tras a realización dun estudo, o 12% dos mozos reproducira o que vira na pornografía nas súas relacións, sen o consentimento explícito da parella e sen que a esta parecéralle ben.
Estes son os datos e, esta a segunda vez que nos concentramos para denunciar esta violencia. Hoxe por 2 adolescentes de 15 e 16 anos. Non, isto non é casual. Non, isto non está a pasar en Monforte porque aquí os homes volvéronse máis agresivos. Esta violencia contra as mulleres esta aumentado en toda España, manifestándose de moitas formas, desde que políticos, medios de comunicación e redes sociais ridiculizan, negan, ocultan e tentan eliminar políticas que nos protexen. Non, isto non é casual Hoxe estamos aquí por elas, que non puideron divertirse en liberdade, que non puideron chegar á casa sas e salvas. E polas que hoxe senten máis medo.
Hoxe estamos aquí para que saiban que non están soas. Que seguiremos acompañándoas. Que seguiremos aquí cando xurdan as dúbidas, a desconfianza, a culpabilidade. Que seguiremos manifestándonos, gritando, todo o alto e forte que podamos, tantas veces como sexa necesario que… Non estades soas.
Eu si vos creo. Nós si vos cremos. Nunca máis.”