O Concello de Monforte persoarase no caso das mozas presuntamente agredidas sexualmente na localidade

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou este luns de que a Xunta de Goberno acordou que o Concello se persone como acusación popular no caso das dúas mozas presuntamente agredidas sexualmente na madrugada do martes pasado na localidade.

Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou este luns de que a Xunta de Goberno acordou que o Concello se persone como acusación popular no caso das dúas mozas presuntamente agredidas sexualmente na madrugada do martes pasado na localidade. 

Tal e como indicara o alcalde no comunicado remitido aos medios e aos cidadáns de Monforte o pasado 16 de agosto, a intención do goberno municipal era a de personarse como acusación popular, co obxectivo de que “caia sobre os presuntos culpables, todo o peso da lei”.

Deste xeito, o rexedor deu traslado aos servizos xurídicos da Deputación de Lugo, que presta este tipo de servizos ao Concello monfortino, para que leve a cabo as xestións e accións necesarias para exercer como acusación popular neste caso, que está en mans do Xulgado e da Policía Nacional.

Dous mozos, un maior de idade e outro menor, foron detidos a semana pasada acusados de agredir sexualmente a dúas mozas menores, durante as festas de localidade.

O alcalde monfortino expresou que os veciños da localidade “rexeitan taxativamente calquera tipo de agresión e moi especialmente se se trata de agresións sexuais a mulleres”. “En Monforte non cabe ningún tipo de comportamento machista nin delitos contra a integridade e a liberdade sexual das mulleres, especialmente se son cometidos con menores de idade”, apuntou.

Finalmente, o Concello está a disposición das familias “para axudarlles a superar este momento tan difícil, prestando se fose necesario, apoio legal, psicolóxico ou doutro tipo que precisen”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here