O Saviñao acolle esta fin de semana, 2 e 3 de setembro, a 2ª edición da “Festa da Vendima do Saviñao”. A cita terá lugar no entorno natural da Devesa, onde atopar os viños das adegas: Adegas Moure, Pilares de Belesar, S.A.T. Virxe Dos Remedios e Galanteiro. Haberá tamén postos de artesanía e gastronomía, rutas para coñecer a ribeira e concertos. Repasamos co alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, o que nos depara a Festa da Vendima, mentres están pendentes da climatoloxía.
Que ten de especial esta festa para O Saviñao?
Creo que tiñamos unha débeda como concello e comarca. Dentro do que eran as festas e feiras gastronómicas había moitos concellos que tiñan fera do viño, parecíame que xa non había oco para máis. Pero en toda a Denominación non tiñamos unha festa da vendima, e vimos un oco para encaixala no Saviñao. Puxémonos a traballar cunha comisión, de man das adegas e de moita xente e o ano pasado sacamos a primeira edición dunha festa que veu para quedarse. Agora que naceu temos que conseguir que vaia medrando e se faga grande.
A Devesa de Escairón parece un escenario perfecto
Imos coa segunda edición nun marco incomparable como é a Devesa. Dúas hectáreas de árbores con moitos centos de anos no centro urbano e que nos dá un ambiente de moita natureza, entón quixemos coidar moito os detalles. Non pretendiamos facer unha festa máis, queriamos un ambiente moi coidado e fomos a uns stands en madeira acordes coa Devesa, poñendo moitas zonas de comer e moitas zonas de estar.
Todo aderezado con música do panorama galego. O ano pasado tiñamos grupos folk e este ano imos con Hevia, cos Gin Toni´s, que xogan na casa, Rocío Caamaño. Teremos a actuación de BMT Suevia, querendo tirar de gaiteiros e de música folk e tradicional. E remataremos coa Charanga Louband e Grupo América de Vigo. O ambiente vai estar moi coidado nun espazo como a Devesa para poñer en valor a uva, o alimento do que sae o viño, e festexar a vendima.
E levarase á xente á ribeira tamén?
Ademais de concentrar a maioría das propostas durante dous días na Devesa, sacamos bacorrutas para que a xente poida ir ao Ecomuseo de Arxeriz, entidade colaboradora coa Festa da Vendima e ademais unha das aulas do museo dedicada á viticultura, sácase íntegra á Devesa, polo que gratuitamente a xente poderá ver todos os apeiros da vendima, todo o que se utilizou histçoricamente na vendima. Esta exposición ocupará unha zona de máis de 500 metros cadrados na carballeira e temos as bacorrutas para coñecer o museo, as adegas, a igrexa de Santo Estevo. Darlle unha pincelada á xente para que entenda o que é a ribeira e como se traballa durante a vendima neses socalcos.
O pregón desta edición será o día 3 ás 12:00 e correrá por conta de Francisco Conde, deputado no Congreso e ex vicepresidente da Xunta de Galicia. Como presentaría ao pregoeiro?
O ano pasado foi distinguido como Cabaleiro da Orde da Vendima. Como vicepresidente da Xunta apostou moito por esta festa e polo concello, traballou activamente por buscar financiación e axudarnos coa festa; dentro da área de industria e comercio traballou de man coas adegas. Pareceunos que este ano, unha vez que era Cabaleiro, o pregón era unha nova distinción. Propúxoselle e aceptou. É un pregoeiro da terra, da Ribeira Sacra, é un monfortino que coñece ben a ribeira e sempre estivo vencellado e trabllando a favor das adegas.
Imaxino que preocupan as condicións climatolóxicas para a fin de semana, que lle dicimos á xente?
Fixemos todo o imposible para facer o mellor evento, para levar unha foto coa mellor imaxe das vacacións. Rematamos as vacacións e que a despedida poida ser esta. Si que lle temos moito medo á choiva, estamos constantemente consultando os partes con Meteogalicia. Estamos agora buscando solucións para os stands de madeira, darlles unha parte de cubrición. A xente que se anime a participar da festa porque está todo preparado para disfrutar durante dous días.
Devesa de Escairón preparativos Festa da Vendima / Concello do Saviñao