Dentro do programa de Festas na honra da Virxe dos Remedios de Castro Caldelas, destaca o día 10 de setembro a celebración dun concurso que ten ao gando vacún como protagonista.
Trátase da XXVI Feira Concurso-Exposición de gando vacún que premia as/os mellores exemplares tendo en conta tres seccións: sementais, vacas reprodutoras e novillas; así como as mellores xugadas con e sen carro.
No que respecta ás bases para participar cómpre ter en conta o seguinte:
1-Poderá acceder ao recinto gando das razas Caldelá, Vianesa e Rubia Galega chegada de calquera punto da xeografía española.
2-Para entrar ao recinto deberase achegar carta verde, chapa e precinto do vehículo, de ser o caso.
3-Ás 11:00 h. do día 10 de setembro pecharase o acceso de gando ao recinto.
4-O gando permanecerá no recinto feiral ata a entrega de premios e trofeos.
5-O xurado reserva o dereito a ampliar ou reducir o número de premios en calquera das razas e categorías, en función da calidade do gando do concurso.
6-O xurado reserva o dereito de admisión do gando aou recinto do concurso.
7-O gando presentarase en bo estado de limpeza quedando excluídas de participar aquelas reses que non reúnan as debidas condicións.
SECCIÓNS E PREMIOS EN METÁLICO
Na sección 1ª, Sementais, haberá 3 premios para as 3 razas participantes. Para a raza Caldelá o primeiro premio será de 250 €, o segundo de 150, e o terceiro de 100 €. No que respecta ás razas Vianesa e Rubia Galega o primeiro terá unha dotación de 200 €, o segundo de 150 e o terceiro de 100 €.
Na sección 2ª, Vacas reprodutoras, para a raza Caldelá o primeiro premio será de 250 €, o segundo de 150, e o terceiro de 100 €. Para a raza Vianesa os premios serán tamén de 200, 150 e 100 respectivamente, mentres que para a raza Rubia Galega ademais destes tres primeiros premios devanditos, concederanse un 4º e un 5º dotados de 60 e 50 € respectivamente.
Na sección 3ª, Novillas, haberá outros 3 premios para as 3 razas participantes. Neste caso os premios para as razas Caldelá, Vianesa e Rubia Galega serán iguais en importe económico. O primeiro de 200 €, o segundo de 100, e o terceiro de 50 €.
PREMIOS PARA AS MELLORES XUGADAS
Nesta categoría premiaranse as xugadas con carro e con asistencia ao desfile co importe en metálico de 400 €, mentres que as xogadas sen carro ou con outro tipo de apeiros que tamén participen no desfile levarán 150 €.
A prima por asistencia ao recinto feiral de cada exemplar será de 20 €.