HomesociedadeNun mes e medio, case 23.000 usuarios nos servizos lanzadeira do Consorcio...

Nun mes e medio, case 23.000 usuarios nos servizos lanzadeira do Consorcio de Turismo

O obxectivo principal desta iniciativa foi suplir un problema cada vez maior nas ribeiras do Sil e do Miño; espazos nos que o número de visitantes é elevado en época estival (puntos de embarque ou recursos turísticos moi populares e con difícil acceso) e onde o espazo de estacionamento é moi limitado. Así conéctanse as capitalidades de concello máis próximas ás ribeiras cos embarcadoiros e recursos como a Praia da Cova ou o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (lanzadeira implantada para salvar os 700 metros en gran pendente dende o aparcamento disuasorio ao mosteiro).

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O pasado 30 de agosto finalizaban a meirande parte dos servizos de lanzadeira postos en funcionamento este verán como proba piloto para o alivio de determinados enclaves con elevada afluencia de visitantes e vehículos nas ribeiras do Sil e do Miño.

Os traxectos que cubrían foron os seguintes:

  1. Monforte de Lemos – Embarcadoiro de Belesar 
  2. Monforte de Lemos – Doade (pobo) – Embarcadoiro de Ponte do Sil
  3. Escairón – Belesar – Praia da Cova
  4. Castro Caldelas – Abeleda (pobo) – Embarcadoiro de Abeleda 
  5. Lanzadeira ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil 

Os servizos funcionaron, de xeito gratuíto, entre o 15 de xullo e o 30 de agosto, a lanzadeira a Santo Estevo mantívose ata o 10 de setembro, no período de maior afluencia de visitantes. Os resultados arroxados desta proba piloto servirán de base cara unha futura implantación destes servizos en momentos clave da tempada turística no xeodestino.

22.884 usuarios fixeron uso destes servizos no período descrito anteriormente. “Pechamos esta proba moi satisfeitos cos resultados, pois ao tratarse dun servizo novo e non obrigatorio para acceder aos recursos sinalados, non contabamos unha acollida tan importante. Nestes momentos estamos a elaborar informes detallados sobre o funcionamento de cada un dos servizos co obxectivo de facer unha valoración exhaustiva dos mesmos e estudar posibles melloras do servizo para definilos de cara ás seguintes tempadas”, sinalan desde o consorcio de turismo.

Cunha media de 400 usuarios diarios en agosto e preto de 300 en xullo, a do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil foi a lanzadeira que máis demanda acadou. Nos meses de xullo e agosto rexistrou máis da metade dos usuarios totais, con 17.316 persoas. As conexións cos embarcadoiros no río Sil foron os segundos servizos máis demandados; o de Monforte de Lemos – Ponte do Sil foi utilizado por 3.302 usuarios. A demanda desta lanzadeira durante a primeira quincena de agosto fixo necesaria a ampliación de 7 frecuencias para cubrir as peticións de reserva dos visitantes. 

Lanzadera Monforte de Lemos – Belesar / Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

A lanzadeira Castro Caldelas – Embarcadoiro de Abeleda foi utilizada por 1.539 persoas, a de Monforte de Lemos – Belesar por 666 e a de Escairón – Praia da Cova por 597 persoas.

O Consorcio de Turismo habilitou a principios de xullo unha plataforma que permitía a reserva previa de prazas en todos os servizos de lanzadeira. Unha porcentaxe moi alta dos usuarios (63,53%) utilizou este sistema, chegando a cifras de preto do 90% no caso dos embarcadoiros de Ponte do Sil e Belesar (catamaráns operados pola Deputación de Lugo).  

A procedencia das persoas que realizaron a reserva previa foi fundamentalmente nacional (97%). De entre eles, de Galicia eran a maioría (23,86%), seguidos de Madrid (16%), Cataluña (13,45%), Andalucía (12,68%) e País Vasco (10,27%).

Outros servizos de lanzadeira

Lembremos que o precursor desta iniciativa foi o autobús lanzadeira ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, posto en marcha polo Consorcio de Turismo no 2021, como medida para o control de aforo e redución de vehículos privados na área inmediata do recurso.

Proba do éxito desta medida é a continuación do mesmo dúas tempadas despois e xestionado directamente polo propio Concello de Parada de Sil.

Este autobús é o único método permitido de acceso ao mosteiro (ademais de a pé pola PR-G 98). Comezou a principios de xullo e estendeuse ata este pasado domingo 17 de setembro. Fixeron uso del 9.063 visitantes.

A proba piloto dos servizos de lanzadeira Ribeira Sacra · verán 2023 foi financiada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Secretaría de Estado de Turismo e a Axencia de Turismo de Galicia, ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra.

ÚLTIMAS

Intercambio de acusacións entre o PP e o PSOE en Monforte ante a suba da taxa de recollida de lixo

Esta semana o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, explicou que SOGAMA sube a...

O BNG reclama unha protección especial para o túnel romano de Montefurado

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Suárez, demanda na Comisión 6.ª Industria, Enerxía,...

A AV do Saviñao demanda medidas para mellorar a xestión do lixo no municipio

A AV asegura ter recibido queixas e peticións veciñais relacionadas coas carencias na xestión...

A Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra presenta o seu Plan Director

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, asistiu ao acto de presentación das liñas...