A Asociación Sociocultural Boca do Monte, dos Anguieiros, no Concello de Quiroga, ten programadas para o vindeiro domingo 4 de novembro unha serie de actividades para vivir colectivamente o tempo das castañas, das cabazas e do Samaín.
As devanditas actividades enmárcanse na denominada Xornada Castañeira, unha iniciativa que veñen organizando dende o ano 2016 e que só estivo interrompida no 2020 pola pandemia. Os obxectivos principais desta xornada son poñer en valor a castaña, un produto que se foi perdendo nos Anguieiros e contorna por mor das enfermidades que están atacando aos castiñeiros dende hai anos, e celebrar un magosto popular.
Esta xornada divulgativa e de encontro veciñal contou durante estes anos con charlas arredor da castaña e o seu potencial agroalimentario, obradoiros de elaboración de cabazas de Samaín, andainas, visitas a soutos e caniceiras e o tradicional magosto popular con música tradicional.
PROGRAMA DA VII XORNADA CASTAÑEIRA
A xornada será o 4 de novembro e comezará cunha andaina de ida e volta que pasará por soutos e comunicará as aldeas veciñas de Vilanuide e Seadur. Esta última, xa no Concello de Larouco, provincia de Ourense.
A saída está programada para as 9:00 h. da mañá dende O Portaleiro, entrada dos Anguieiros, e pasará pola aldea de Vilanuide ata chegar a Seadur. Alí aproveitarase para tomar un viño e coñecer a Cova da Xabreira, un proxecto emprendedor que se caracteriza por ofrecer experiencias enogastronómicas nunha cova tradicional recuperada dentro do conxunto etnográfico de Covas de Seadur.
Tras visitar este enclave que fala moi ben do potencial vitivinícola deste lugar, regresarase aos Anguieiros facendo o camiño de volta polos mesmos sendeiros. Calcúlase que o remate da andaina será entre as 13:30 e as 14:00 h. Recoméndase levar algo para almorzar no camiño, auga, roupa e calzado resistentes á choiva e paraugas.
Xa pola tarde, ás 17:00 h. haberá un pequeno obradoiro de cabazas de Samaín para a rapazada, cabazas que despois se iluminarán para acompañar durante o magosto. Paralelamente tamén se ensinará algunha caniceira que se mantén conservada para explicar a función que tiñan e como se secaban as castañas tempo atrás.
Chegada a noite, a partir das 20:00 h. empezarán os preparativos para o Magosto, dispoñendo algo de aperitivo e preparando xa o lume para ir asando as castañas no tambor ao calor do lume. E cara as 21:00 h. comezarase a comer os bullotes, haberá sobremesas e licores ademais de música tradicional a cargo do grupo O Recanto, de Quiroga.