HomesociedadeA Asociación Boca do Monte celebra a VII Xornada Castañeira

A Asociación Boca do Monte celebra a VII Xornada Castañeira

Será este 4 de novembro na aldea quiroguesa dos Anguieiros. Na xornada, ademais dun magosto popular, organizan unha andaina, un obradoiro de cabazas e unha visita a caniceiras.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Asociación Sociocultural Boca do Monte, dos Anguieiros, no Concello de Quiroga, ten programadas para o vindeiro domingo 4 de novembro unha serie de actividades para vivir colectivamente o tempo das castañas, das cabazas e do Samaín.

As devanditas actividades enmárcanse na denominada Xornada Castañeira, unha iniciativa que veñen organizando dende o ano 2016 e que só estivo interrompida no 2020 pola pandemia. Os obxectivos principais desta xornada son poñer en valor a castaña, un produto que se foi perdendo nos Anguieiros e contorna por mor das enfermidades que están atacando aos castiñeiros dende hai anos, e celebrar un magosto popular.

Esta xornada divulgativa e de encontro veciñal contou durante estes anos con charlas arredor da castaña e o seu potencial agroalimentario, obradoiros de elaboración de cabazas de Samaín, andainas, visitas a soutos e caniceiras e o tradicional magosto popular con música tradicional.

Charla divulgativa (arquivo). Foto: Asoc. Boca do Monte.

PROGRAMA DA VII XORNADA CASTAÑEIRA

A xornada será o 4 de novembro e comezará cunha andaina de ida e volta que pasará por soutos e comunicará as aldeas veciñas de Vilanuide e Seadur. Esta última, xa no Concello de Larouco, provincia de Ourense.

A saída está programada para as 9:00 h. da mañá dende O Portaleiro, entrada dos Anguieiros, e pasará pola aldea de Vilanuide ata chegar a Seadur. Alí aproveitarase para tomar un viño e coñecer a Cova da Xabreira, un proxecto emprendedor que se caracteriza por ofrecer experiencias enogastronómicas  nunha cova tradicional recuperada dentro do conxunto etnográfico de Covas de Seadur.

Tras visitar este enclave que fala moi ben do potencial vitivinícola deste lugar, regresarase aos Anguieiros facendo o camiño de volta polos mesmos sendeiros. Calcúlase que o remate da andaina será entre as 13:30 e as 14:00 h. Recoméndase levar algo para almorzar no camiño, auga, roupa e calzado resistentes á choiva e paraugas.

Xa pola tarde, ás 17:00 h. haberá un pequeno obradoiro de cabazas de Samaín para a rapazada, cabazas que despois se iluminarán para acompañar durante o magosto. Paralelamente tamén se ensinará algunha caniceira que se mantén conservada para explicar a función que tiñan e como se secaban as castañas tempo atrás.

Chegada a noite, a partir das 20:00 h. empezarán os preparativos para o Magosto, dispoñendo algo de aperitivo e preparando xa o lume para ir asando as castañas no tambor ao calor do lume. E cara as 21:00 h. comezarase a comer os bullotes, haberá sobremesas e licores ademais de música tradicional a cargo do grupo O Recanto, de Quiroga.

ÚLTIMAS

Triacastela celebra a súa XIV Feira de Artesanía e produtos locais

O Concello de Triacastela organiza unha nova edición da súa 'Feira de Artesanía e...

Aviso sobre posibles cortes de auga na Pobra do Brollón

O Concello da Pobra do Brollón vén de facer un comunicado público no que...

Exitosa presentación da curta ‘Cara de cona’ en Sober

A curtametraxe 'Cara de cona', con moi boas críticas e recoñecementos en festivais nos...

Julio Ferrín o ‘Recanteiro froiteiro’ do Luar

Julio Ferrín naceu na Ribeira, en Quiroga, e tras vivir uns anos en Arteixo...