O primeiro Congreso de Control de Velutina xurde da preocupación e consecuencias que está a provocar esta especie invasora no rural galego. O foro conta cunha docena de charlas e mesas redondas nas que, entre hoxe e mañá, se abordará a situación da velutina no Noroeste Peninsular, como está evolucionando e os distintos modelos e medios de control e efectividade sobre esta especie invasora. Os organizadores elevarán as conclusións do encontro ás administracións competentes.
A voceira Socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, destacou na inauguración a necesidade de que a Xunta poña en marcha un plan de acción en Galicia para paliar “a gravísima situación que provocou no noso rural a praga da vespa velutina pola falta de medidas eficaces para combatela e a ausencia de axudas aos sectores produtivos máis afectados, como é o do mel e tamén o do viño”.
“Hai apenas unhas semanas, os apicultores manifestabánse en Lugo para denunciar os enormes danos que están ocasionando as velutinas nesta actividade, con mermas de produción superiores ao 30%, e perdas económicas de 10 ou 12.000 euros por produtor”, lembrou a Deputada.
“Xunto co dano económico, que está chegando tamén á vide, está a alarma social polos riscos que estes insectos supoñen para a poboación, e a ameaza de perda de diversidade ecolóxica. Hoxe sabemos todo o que perde o medio ambiente se uns axentes polinizadores como as abellas minguan ou mesmo desaparecen de certas zonas. Sería un desastre”, subliñou.
O Goberno provincial sacou adiante a pasada semana unha proposta para reclamarlle á Xunta de Galicia “que active canto antes un plan autonómico de control da velutina, así como unha liña de axudas para compensar aos apicultores e outros produtores do sector primario afectados”. Unha petición, lamentou, que “non tivo o respaldo dos deputados da oposición, que son do mesmo partido político que goberna na Xunta de Galicia”, seguramente, dixo, “porque non queren recoñecer o fracaso do que fixeron ata o de agora, que foi moi pouco e resultou ineficaz”.
Destacou a Deputada que “apostar exclusivamente pola retirada de niños non é suficiente, cando os niños retirados pasan de 17 a 22.000 en apenas 12 anos, cando esa retirada nin tan sequera conta cos medios materiais necesarios, cando as chamadas as atende un contestador, e cando a espera para a retirada chega a dous meses, senón máis”.
“Dende a Deputación de Lugo”, incidiu, “defendemos precisamente o que os organizadores desta xornada estades a facer hoxe en Chantada, que é escoitar aos produtores e aos investigadores”, poñendo en coñecemento dos profesionais “o que se está facendo noutras comunidades autónomas, como Asturias, Navarra ou Illas Baleares, porque alí os resultados están sendo mellores”.
Denunciou ademais que o rural está sufrindo pragas como a da rata toupa ou a da velutina, e os danos derivados do incremento da poboación de xabarís. “Fronte a iso, a Administración autonómica, que presume de orzamentos récord e que ten as competencias para facelo, debe aportar plans de control e de loita eficaces”, unha decisión para a que subliñou, “falta a vontade política de quen, tendo as competencias e tendo a obriga de aproveitar eses recursos, opta polo traballo en solitario, por darlle as costas aos concellos, por non ter en conta aos investigadores e por infradotar os servizos”. Pilar García Porto rematou confiando que a celebración deste congreso sexa un punto de inflexión para cambiar o rumbo.