Estudantado do CEIP Eduardo Cela Vila, de Triacastela, coñeceu días atrás o proceso de elaboración das Galletas Mariñeiras, produto emblemático da empresa Daveiga. Esta visita enmárcase na segunda edición do programa Da Escola á Granxa, unha iniciativa que impulsa a área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que pon en valor o emprendemento no rural entre o estudantado.
O deputado de Medio Rural, Daniel García, acompañou ao alumnado durante o percorrido no que coñeceron o proceso completo de creación deste “pan sen miga”. Comezaron a visita coñecendo a materia prima empregada para a súa preparación, posteriormente visitaron os distintos obradoiros de amasado e cortado, e fixeron unha parada nos fornos antes de deterse, finalmente, no embolsado. A visita rematou no almacén, onde coñeceron a historia destas galletas e a orixe do seu nome.
Ademais, as nenas e nenos puideron degustar o produto e recibiron un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, unha publicación que Medio Rural edita con Bolanda.
Daniel García destacou que “este programa permite que os máis pequenos, incluso os que viven no rural, se acheguen ao sector primario desde unha nova perspectiva e coñecendo a importancia que ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación”.
EMPRESAS E ANPAS PARTICIPANTES NO PROGRAMA
Daveiga é un dos 29 proxectos de emprendemento rural que participan no programa Da Escola á Granxa. Entre eles atópanse granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas, desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas.
O financiamento deste programa de visitas, cun investimento de 80.000 euros e que se desenvolve no segundo semestre de 2023, corre a cargo da área de Medio Rural da Deputación de Lugo e beneficia a diferentes asociacións de nais e pais de centros escolares da provincia. Están a participar nelas preto de 4.000 alumnos e alumnas dos colexios de Becerreá, A Pobra do Brollón, Triacastela, Oural (Sarria), Monterroso, Santa Rita de Galdo e Lois Tobío (Viveiro), Terra Chá de Román, Insúa Bermúdez e Mato Vizoso (Vilalba), Riotorto, Xove, Samos, Xermade, Outeiro de Rei, O Páramo, Pantón, Palas de Rei, O Cantel e Nº 1 (Foz), Alfoz, Quiroga, Guntín, Ribadeo, A Pastoriza, Bretoña (A Pastoriza), Castro de Rei, O Incio, Taboada, Bóveda, Monforte, Paradela, Muras, San Cosme de Barreiros e A Milagrosa, Lousada, As Mercedes, Santa María e Casás (Lugo).