O Ministerio Fiscal solicitou este mércores na Audiencia Provincial de Lugo, na última sesión do xuízo contra a empresa de Alcor Seguridade por un presunto delito contra os dereitos dos traballadores, penas subsidiarias de entre dous anos e dous anos e medio de prisión para os cinco responsables da compañía (con sede fiscal en Monforte de Lemos) imputados na causa.
A petición produciuse na fase de conclusións dun xuízo que arrincou o pasado martes en Lugo tras case dez anos de instrución e o adiamento sufrido no mes de xuño e no que prestaron declaración o director e o catro administradores da empresa acusados, así como máis dun cento de testemuñas.
De acordo ao recolleito no escrito fiscal, os acusados obrigarían entre os anos 2011 e 2015 a máis dunha trintena de empregados a encadear “xornadas maratonianas”; asinar documentos en branco ao rubricar os seus contratos de traballo; ou encher partes de servizo con códigos diferentes en xornadas de 24 horas. Unha serie de medidas de presión que vulneraban, a ollos da Fiscalía, as súas condicións laborais.
Na última xornada do xuízo, celebrada este mércores, a Fiscalía engadiu á súa petición inicial (que establecía penas de prisión de entre dous anos e medio e tres anos e tres meses aos acusados por un delito contra os dereitos dos traballadores), unha segunda pena por un presunto delito de coaccións, recollido no artigo 172 do código penal.
O director da empresa estaría exposto deste xeito a unha condena subsidiaria de dous anos e seis meses de prisión en “concepto de autor” dun delito de coaccións por cada traballador agraviado; e os catro administradores (dous deles responsables das delegacións da empresa en Canarias e Xirona) exporíanse a unha pena de dous anos de cárcere por cada traballador en calidade de “cooperadores necesarios”.
AS PROBAS TESTIFICAIS
A acusación popular, exercida pola Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) adheriuse ás demandas recollidas no escrito de conclusións da Fiscalía, pero solicitou unha inhabilitación especial para cada un dos acusados “para a administración ou dirección de sociedades” durante o tempo que dure a condena principal.
As defensas dos imputados, pola súa banda, que tacharon de “sorprendente” a nova cualificación solicitada pola Fiscalía “no último momento e despois de dez anos de instrución”, deslizaron ante a xuíza a posibilidade de demandar a celebración de “un novo xuízo”. “Non é un agravamento de pena o que pide o Ministerio Fiscal, é unha cualificación alternativa”, precisou entón a maxistrada, antes de ofrecer un prazo de dez días aos letrados das defensas para examinar a nova imputación. Unha concesión que finalmente declinaron.
Tanto o Ministerio Fiscal como a acusación particular centraron as súas exposicións finais nas probas testificais presentadas ao longo de todo o xuízo. A Fiscalía resaltou que os testemuños dos axentes que prestaron declaración son “coincidentes” co recolleito no escrito fiscal e que as súas declaracións non poden ser cualificadas de “nesgadas, interesadas ou disparatadas como denuncian as defensas”.
Tamén destacou a Fiscalía o feito de que tan só “no 6 % das nóminas” revisadas existise mención algunha ao pago de horas extraordinarias e cualificou como “inverosímiis” as explicacións brindadas polos imputados acerca da existencia de documentos en branco nas dependencias da empresa asinados polos traballadores.
Dez anos despois do inicio da instrución da causa e tras case catro horas de sesión na última xornada de audiencia, o xuízo contra os cinco responsables de Alcor Seguridade acusados de vulnerar os dereitos laborais de máis dunha trintena de traballadores quedou este mércores visto para sentenza.