A CIG agradece a confianza depositada na súa candidatura e entende que constitúe un respaldo á acción sindical e ás mobilizacións realizadas para evitar que se ratificara o preacordo de convenio sectorial acadado por UGT e CCOO coa patronal, “xa que condenaba ás traballadoras a seguir tendo condicións de miseria e recortaba o único dereito que lles permitía non perder capacidade adquisitiva: a cláusula de revisión anual conforme ao IPC real.”
O sindicato asegura que “con este resultado aválase tamén o traballo realizado polas delegadas da CIG, grazas ao que as traballadoras do SAF de Monforte (ao igual que as de Chantada) están cobrando segundo as táboas salariais de 2023 actualizadas en todos os conceptos á suba do IPC”.
Lembran tamén que conseguiron negociar coa empresa adxudicataria que, a partir do 1 de xaneiro, a compensación da quilometraxe se compute dende o centro de traballo e non só dende o primeiro domicilio ao último, como estabelece o convenio e incrementouse o prezo de compensación dos desprazamentos que pasou dos 0,18cént/km aos 0,22 cént/km.
A central amplía así a súa representación e xunto co resultado obtido nas eleccións de Chantada afiánzase como primeira forza no SAF privatizado no sur da provincia, “reafirmamos o compromiso na defensa dos dereitos das traballadoras, na loita pola mellora das súas condicións de laborais e salariais e na reivindicación dun sistema público galego de atención ás persoas que integre todos os servizos de coidados nunha única rede”.