HomesociedadeAchégase a Festa do Chourizo de Margaride de Lor

Achégase a Festa do Chourizo de Margaride de Lor

Será o vindeiro día 19 de xaneiro e enmárcase dentro do programa de festas na honra ao San Vicente que remata o día 21.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A veciñanza de Margaride de Lor, en Quiroga, encara a costa de xaneiro con mellor humor que o resto de mortais porque estarán de celebración coa festa na honra ao seu patrón, o San Vicente.

O vindeiro día 13 de xaneiro comezan as actividades programadas cun Campionato de Tute con gran tradición e participación que ten lugar no Bar Iria do Freixeiro, a carón da N-120 moi preto da piscifactoría. Será ás 21:00 h., a inscrición custa 20 € e hai dous premios,un lote de produtos da zona para o gañador, e un pack de viño para o segundo.

Días despois, xa na fin de semana grande, o día 19 será a esperada Festa do Chourizo, con pancetada e chourizada de balde para as persoas que se acheguen a Margaride a partir das 21:00 h. A maiores, a Asociación de Veciños ofrecerá tamén viño e roscón de sobremesa.

Para aqueles que nunca estiveran, comentar que é unha experiencia socializadora e gastronómica desas que che deixan ganas de volver. Ten un encanto especial polo ben recibidos que son os forasteiros e o ben que presta unha panceta e un chourizo recén asados no lume cunha noite fría de inverno de fondo.

Espeto de dúas puntas asando panceta. Foto: XMF.

é unha experiencia socializadora e gastronómica desas que che deixan ganas de volver

Voluntarios e voluntarias da asociación asan chourizos nunha grella para ir dando aos presentes ao tempo que reparten panceta para que eles mesmos a asen nun lume socializador arredor do que se xuntan os comensais con cadanseu espeto de madeira. A imaxe é auténtica, o lume purificador e os guizos encarados uns con outros coa panceta na punta como arremedando aos mosqueteiros con aquel “todos para un e un para todos”. E que ben presta despois esa panceta pingando pousada na codea de pan e acompañada cun viño de Margaride…

Como remate a esta merenda-cea, a organización ofrece roscón e pouco despois convida a quedar á verbena, este ano da man da orquestra Solara. Trátase, pois, duna festa gastronómica moi popular, socializadora e pola que non se cobra, aínda que coñecendo o esforzo e a hospitalidade da Asociación de Veciños de Margaride, todo o mundo colabora coa comisión de festas coas consumicións e mercando rifas.

Campo da festa (Margaride 2023). Foto: XMF.

A festa continúa os días 20 e 21 de xaneiro con alborada pola mañá a cargo do Grupo Tradicional O Recanto, Misa e Procesión ás 13:30 h. e sesión vermú para completar a mañá.

O sábado 20 na sesión vermú estará o grupo A-Zero, e pola noite haberá un concerto a cargo do grupo monfortino Malenne, mentres que o domingo 20 a festa da tarde noite será a cargo do trío Karma. Ao final dos festexos ofrecerase unha chocolatada popular.

Festas en Margaride. (Imaxe de arquivo cedida pola Asoc. de Veciños).

ÚLTIMAS

Entrégase unha vivenda de promoción pública en Chantada

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, fixo este mércores entrega das chaves á...

Medio Rural destina 4M€ a pasteiros

Durante o seu percorrido pola zona, no que estivo acompañada polo director xeral de...

O Xeoparque Montañas do Courel terá un espazo en FITUR 2025

A Rede Española de Xeoparques Mundiais (REXM), na que están integrados os dous Xeoparques...

Detidos dous homes como supostos autores de ‘ciberestafas’ denunciadas en Lugo e Monforte

Segundo informaron fontes policiais, unha das estafas foi denunciada en Lugo, e a vítima...