Como é habitual en cada edición, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra está presente na feira internacional de turismo FITUR durante as tres xornadas de apertura ao público profesional, co obxectivo de dar a coñecer as súas iniciativas máis salientables e manter encontros con diferentes axentes do sector. O acto central do xeodestino en FITUR tivo lugar este venres pola mañá e estivo centrado na recente ampliación do xeodestino e nos retos que asumimos en materia de mobilidade.
Acompañaron ao Presidente do Consorcio de Turismo, Luis Fernández Guitián, o Director Xeral de Cultura, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, o Presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé Roca, Ricardo Blanco Portillo, da Secretaría de Estado de Turismo, e Emma González Diéguez, por delegación do Presidente da Deputación Provincial de Ourense.
O Presidente do Consorcio eloxiou a incorporación ao Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra dos concellos de: O Pereiro de Aguiar, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives, Manzaneda e San Xoán de Río e antocipou o entroido na Ribeira Sacra co Oso de Salcedo, o Entroido Ribeirao, os Felos de Esgos e o Folión de Manzaneda. “E si, presumimos de ser máis e máis fortes, pero sen esquecernos dos retos que asumimos e deixamos constar hai un ano. A xestión adecuada da mobilidade non só é esencial para abordar problemas de conxestión e contaminación, senón que tamén é fundamental para manter o equilibrio entre o crecemento económico e a preservación da nosa identidade cultural. Ademais da mobilidade, ao longo deste 2024 seguiremos apostando por novos produtos, polo turismo industrial, por máis e mellores infraestruturas e polo efecto sorpresa! NON abandonamos nunca nosa afán de innovar e sorprender”, destacaba Guitián.
Estiveron presentes tamén, os concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Pantón, Portomarín, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil ou Manzaneda, o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, delegados territoriais, empresarios turísticos de Ribeira Sacra.
A Xunta revitaliza en Fitur a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou este venres na presentación Máis Ribeira Sacra organizada polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no expositor institucional da Xunta de Galicia en Fitur. O director xeral animou a coñecer este territorio cunha gran riqueza cultural e paisaxística e revitalizar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, “A Ribeira Sacra é unha comarca de máis de 180 quilómetros que está intimamente ligada á cultura da auga e que conta cun profundo legado patrimonial, histórico, arqueolóxico e etnolóxico que traballamos para poñer en valor e protexer”.
O director xeral de Cultura agradeceu a dedicación dos profesionais do turismo e a súa implicación para “dar a coñecer un dos nosos maiores tesouros” dun xeito sustentable. “Estamos a falar dunha comarca definida pola súa espectacular topografía que funciona como reclamo para visitar a nosa terra e que temos a obriga de divulgar demostrando a súa importancia para o patrimonio universal”, engadiu.
Ribeira Sacra en Fitur 2024 / Consellería de Cultura